As Travesas acolle este sábado o Galego de grupos de show, modalidade “fermosa” da patinaxe

Quince clubs de toda Galicia, que participan cun total de dezasete grupos (oito en grupos grandes e nove en pequenos), competirán no Pavillón Central das Travesas.
Por o 02/02/2019 | Sección: Concello de Vigo,Deportes,Galicia,Vigo
As Travesas acolle este sábado o Galego de grupos de show, modalidade “fermosa” da patinaxe

O concelleiro de Deportes, Manel Fernández, presentou hoxe o Campionato de Galicia de grupos show, que este sábado vaise celebrar en Vigo (17:30 horas), no complexo das Travesas, co patrocinio do Concello de Vigo.

Quince clubs de toda Galicia, que participan cun total de dezasete grupos (oito en grupos grandes e nove en pequenos), competirán no  Pavillón Central das Travesas.  Vigo vai estar representada polo Carpa Viqueira e Valladares (grupos grandes) e polo Vagalume Celtamotor (pequenos).

“É este un gran acontecemento de patinaxe, unha disciplina fermosa, e o Carpa é un gran club deportivo”, sostivo o concelleiro, que manifestou que “saudamos unha vez máis que a nosa cidade recolla un dos eventos máis importantes da modalidade en Galicia”.

Pola mañá, o polideportivo estará tomado polos adestramentos. A decimo oitava edición desta competición, cuns 300 participantes e corenta persoas na organización, comezará este sábado ás 17:30 horas cos grupos pequenos e ás 19:00 será a quenda dos grupos grandes. A entrega de trofeos deste evento, a partires das 20:30 horas.

“É unha modalidade moi atractiva da patinaxe, que congrega moito público e que ten moita aceptación ao ser moi vistosa. Cada coreografía é diferente, ao público lle gusta e cada ano está a crecer de xeito importante”, explicou Mercedes Covelo, presidenta e adestradora do Carpa Viqueira, club organizador.
O Ribex Tui (grupos grandes) e o Club Patinaje Artístico Gondomar (grupos pequenos) defenden títulos. As gondomareñas levan catro títulos seguidos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.