As tres primeiras rutas “Camelias e xardíns históricos” chegan este sábado coas prazas esgotadas

Os tres roteiros, de carácter gratuíto, percorrerán xardíns de Soutomaior, Lourizán, os Pazos de Rubiáns e Quinteiro da Cruz, Caldas, Pontevedra e o Pazo de Gandarón
Por o 09/03/2018 | Sección: Deputación de Pontevedra
As tres primeiras rutas “Camelias e xardíns históricos” chegan este sábado coas prazas esgotadas

Este sábado 10 de marzo terán lugar as tres primeiras das cinco rutas “Camelias e xardíns históricos”, organizadas pola Deputación de Pontevedra, que permitirán ás persoas visitantes gozar do patrimonio histórico e tamén do patrimonio natural da provincia de Pontevedra, representado polas camelias.

Os roteiros que se van a desenvolver son “Camelias con lenda”, no Castelo de Soutomaior e o pazo de Lourizán; “Camelias e viñedos”, polo Pazo Quinteiro da Cruz e o pazo de Rubiáns, e “Camelias e Paseos”, que pasará por Caldas de Reis, Pontevedra e o pazo de Gandarón. As tres de este sábado e as dúas do día 17  esgotaron todas as prazas en menos de 24 horas.

O sábado 17 de marzo continuarán as rutas, coa cuarta, baixo o nome de “Camelias urbanas”, que percorrerá o pazo Quiñones de León e o parque do Castro, e o último dos percorridos, denominado “Camelias románticas” que levará ás persoas participantes ata o pazo de Oca para contemplar os seus exemplares de camelias.

Estas actividades están pensadas para coñecer a provincia de Pontevedra e enmárcanse na campaña de promoción “Somos historias” que este ano dará a coñecer a riqueza patrimonial do destino, abordando dende o patrimonio cultural, ao inmaterial, literario ou natural. Amais, “Camelias e Xardíns Históricos” tamén se enmarca no Plan Estratéxico de Turismo, xa que, segundo informara a presidenta da Deputación, Carmela Silva, “falamos dunha acción diferenciadora, sustentable e desestacionalizadora en base aos recursos que temos na provincia; recursos como os xardíns do Castelo de Soutomaior, clasificado como Xardín de Excelencia, con máis de 300 cultivos diferentes de camelias, ou recursos como os xardíns do Quiñones de León ou o Botánico de Caldas, ambos catalogados como xardíns históricos e Bens de Interese Cultural”.