As unidades de exploración do programa galego de detección précoz do cancro de mama inician hoxe a súa actividade no Meixoeiro

Este programa preventivo da Consellería e Sanidade, que viña desenvolvéndose na Casa do Mar de Vigo, trasladouse ás novas instalacións da Unidade de Mama
Publicado por o día 18/02/2020 na sección de Eventos
As unidades de exploración do programa galego de detección précoz do cancro de mama inician hoxe a súa actividade no Meixoeiro

O Programa Galego de Detección Précoz do Cancro de Mama que víñase desenvolvendo na Casa do Mar de Vigo iniciou hoxe a súa actividade no Hospital Meixoeiro, nas novas instalacións da Unidade de mama que acaban de ser postas en funcionamento neste hospital.

O obxecto da nova Unidade de Mama -enmarcada nunha actuación global de adaptación funcional de varias unidades e servizos nos que se investiron 5 millóns de euros- era o de ampliar, mellorar e integrar nun único dispositivo todos os recursos diagnósticos da mama da área de Vigo, tanto os de cribado poboacional como os de diagnóstico hospitalario.

O novo emprazamento do Programa de Detección Précoz ten unha distribución e dotacións que permiten o seu funcionamento de forma autónoma do resto da Unidade, incluso con acceso independente, pero coa vantaxe de encontrarse integrado dentro da mesma. As instalacións dispoñen dunha ampla sala de espera, con aseo público para as usuarias, dúas salas de informes, cabinas, dous mamógrafos e un despacho.

O Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama ofrece as mulleres sans, de entre 50 e 69 anos, a realización dunha mamografía cada dous anos co obxecto de detectar canto antes as posibles lesións mamarias. O pasado ano en Vigo exploráronse a un total de 32.544 mulleres, das que 1.172 deron positivo e tiveron que derivarse ao hospital para completar os estudos. Finalmente, foron diagnosticadas 10 patoloxías malignas.

Abordaxe integral da mama

A Unidade de Patoloxía de Mama, emprazada no hospital Meixoeiro, ofrece unha abordaxe integral das lesións mamarias, tanto benignas como malignas. Así, neste

hospital centralízase, ademais das probas de diagnóstico por imaxe, todos os tratamentos cirúrxicos e radioterápicos de mama realizados no Chuvi.

As novas instalacións da Unidade de Mama, na planta -1, contan con 860 metros cadrados, duplicando a superficie da anterior localización.

A nova Unidade de Mama conta cun acceso directo dende a entrada do edificio de consultas e distribúese en tres áreas diferenciadas conforme a súa actividade asistencial. Na primeira das zoas, habilitouse unha ampla sala de espera e consultas para tres cirurxiáns e dúas enfermeiras. A seguinte, é a área de exploración de pacientes, na que localízase o equipamento tecnolóxico -tres ecógrafos, un mamógrafo e unha mesa de estereotaxia-.

Ademais, conta cunha área administrativa, con cinco salas de informes,dous despachos, sala de estar, e unha sala de xuntas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.