As universidades de Vigo e Ho Chi Minh City asinan un convenio de dobre titulación para o Mestrado en Ciberseguridade

Facilitará a mobilidade internacional de estudantes entre ambas institucións
Publicado por o día 12/12/2018 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

As universidades de Vigo e Ho Chi Minh City asinan un convenio de dobre titulación para o Mestrado en Ciberseguridade

A Universidade de Vigo continúa coa súa aposta pola internacionalización, con Asia como un dos focos de interese prioritarios. O último paso dado nesta liña é a sinatura do primeiro convenio de dobre titulación cunha institución académica do continente asiático, en concreto para o Mestrado en Ciberseguridade. O acordo foi asinado recentemente polo director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Íñigo Cuiñas, na cidade vietnamita de Ho Chi Minh, con representantes da universidade local no marco dunha xuntanza co proxecto Erasmus+ LMPI (Licence, Master professionnels pour le développement, l’administration, la gestion, la protection des systèmes et réseaux informatiques dans les entreprises en Moldavie, au Kazakhstan, au Vietnam). Deste xeito, a Universidade de Tecnoloxía de Ho Chi Minh City e Vigo traballarán de xeito conxunto para “facilitar a mobilidade internacional dos estudantes locais deste mestrado, así como a acollida de estudantes vietnamitas nas nosas aulas”, explica Cuiñas.

O Mestrado en Ciberseguridade arrancou neste curso 2018/2019 con carácter interuniversitario, impartido pola EE de Telecomunicación de Vigo e a Facultade de Informática da Universidade da Coruña, nunha aposta conxunta e estratéxica polo eido da seguridade informática. Neste contexto sitúase tamén o proxecto Erasmus+ LMPI, unha iniciativa na que están implicadas 18 universidades de seis países europeos e dous asiáticos co obxectivo de mellorar a formación en seguridade da información nas universidades obxectivo de Vietnam, Moldavia e Kazakhstán. En concreto, o equipo da Universidade de Vigo, coordinado pola profesora Ana Fernández Vilas, encárgase das tarefas de definición e posta en marcha de programas de grao e máster en tres universidades de Vietnam: a de Tecnoloxía de Ho Chi Minh City, a Universidade de Agricultura de Hanoi e a Universidade de Tecnoloxía de Hanoi.

É neste contexto no que xurdiu a posibilidade de asinar o acordo de dobre titulación para o Mestrado en Ciberseguridade, que se ratificou nunha xuntanza que reuniu a pasada semana en Ho Chi Minh City a todos os socios do proxecto LMPI. Nesta reunión Vigo estivo representada polo director da EET, Íñigo Cuiñas e polo profesor do centro Manuel Fernández Veiga. Segundo explica o primeiro, “as diferentes accións de internacionalización da Universidade de Vigo e, concretamente, da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, cun número crecente de materias impartidas en inglés, permiten a exploración deste tipo de acordos e a apertura dos nosos estudantes e docentes ao resto do mundo”. En concreto, Cuiñas pon en valor o traballo desenvolvido nos últimos meses polos profesores Manuel Fernández Veiga, Rebeca Díaz Redondo e Ana Fernández Vilas, “que dá os seus froitos con esta firma oficial”.

Eixo Vigo-Vietnam

A finalidade é que universidades europeas acheguen os seus coñecementos en ciberseguridade a institucións de Moldavia, Kazakhstán e Vietnam para mellorar a formación académica e profesional neste eido. De feito, o proxecto naceu da demanda de profesionais cualificados por parte das empresas dos tres países que puideron contribuír á protección dos sistemas e das redes informáticas das compañías. Para isto, o proxecto LMPI estrutúrase en tres áreas xeográficas e céntrase no reforzo de capacidades na seguridade informática, no caso de Vigo traballando especificamente con Vietnam. Os tres obxectivos específicos desta colaboración pasan pola creación dos mestrados de ciberseguridade, cun dobre diploma da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, que é o que se acaba de concretar; a creación dunha plataforma en liña para proporcionar formación a distancia a profesionais neste eido e o establecemento dun centro de investigación no ámbito da seguridade das redes e dos sistemas de información.