O comercio electrónico creceu en Galicia no último ano en todos os tramos empresariais. Tanto as empresas de máis de 10 traballadores como as microempresas realizaron vendas online por riba da media estatal en 2019. Tamén no uso das redes sociais o tecido empresarial galego supera a media do conxunto do Estado
Son datos recollidos no informe A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia, correspondente ao ano 2019, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito Amtega. O estudo analiza a transformación dixital das empresas galegas, un total de 200.972, nas que o 96,3% son microempresas, de 0 a 9 traballadores.
Comercio electrónico e presenza en Internet
En 2019 o 22,9% das empresas de 10 ou máis traballadores da Comunidade venderon na rede, 4,7 puntos máis que o ano anterior e 2,5 puntos por riba da media estatal. Cómpre destacar que máis do 44% destas empresas galegas venden en países da Unión Europea No caso das microempresas as vendas online creceron 2,5 puntos, situándose nun 6,1% fronte ao 5,8% da media do Estado.
Tamén se incrementan as compras das empresas a través de Internet ao longo do último ano, producíndose unha subida no caso das empresas de 10 ou máis empregados de 8,4 puntos.
No 2019 aumentou tamén a presenza de páxina web nas empresas de 10 ou máis asalariados, do 77,1% ao 81,6%, superando ademais ao datos de empresas españolas que posúen web empresarial (78,2%).
En canto ás redes sociais máis do 98% das microempresas e máis do 96% da empresas galegan empregan algunha rede sociais, en ambos casos por riba da media estatal.
Gasto en TIC
O gasto total en TIC das empresas galegas acadou os 408 millóns de euros, o que implica un incremento de 44 millóns de euros, especialmente no referente a servizos e consultas relacionadas coas TIC, seguido do gasto en software e do investimento en bens TIC.
Aumento da banda larga móbil e da velocidade de conexión
No 2019 a banda larga móbil experimenta un crecemento significativo en todas as empresas galegas, pero especialmente nas de 0 a 9 empregados, onde aumenta 5 puntos porcentuais (chegando ao 77,2%). Nas de máis persoal supérase o dato nacional nas empresas que teñen 10 ou máis traballadores / as con sede ou actividade en Galicia, con un 86,7% das galegas fronte a un indicador da banda larga móbil en España do 84,1%.
As velocidades de acceso á Internet de 100 Mbps ou superiores aumentaron 12,8 puntos porcentuais entre as microempresas (28,1%), e 12,4 puntos nas empresas de 10 ou máis traballadores / as (45,1%).
Big Data e formación
Durante o último ano o uso de Big Data nas empresas galegas de 10 ou máis empregados (10,3%), foi superior ao das empresas españolas (8,3%). Un 75,8% das microempresas emprega software libre para esta análise de Big Data.
Xestións coas Administracións Públicas e Política de seguridade
A interacción das empresas galegas coas Administracións Públicas a través de Internet durante o último ano, supera, á marxe do tamaño da empresa, aos datos a nivel estatal.
No 2019 incrementáronse as medidas de seguridade TIC utilizadas nas empresas, cun crecemento de 9,9 puntos nas de 0 a 9 traballadores e de 7,9 puntos nas empresas de 10 ou máis asalariados / as con sede ou actividade en Galicia.
Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza
Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.gal
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.