A Asociación 85C prepara os últimos detalles para a terceira edición do seu festival de mulleres creadoras

Publicado por o día 14/08/2018 na sección de Cultura,Galicia,Vigo

A Asociación 85C prepara os últimos detalles para a terceira edición do seu festival de mulleres creadoras

Se celebrará en Vigo os días 7, 8 e 9 de setembro. Un evento que terá como fío vertebrador o traballo da muller na arte, coa fin última de poñer en valor o seu papel na historia e na sociedade. Ademais, para financiar este novo encontro, están inmersas no final dunha campaña de crowdfunding (micromecenado) na plataforma Verkami, onde habilitaron un espazo para que todas aquelas persoas que queiran colaborar podan facelo a cambio de recompensas culturais que van dende un fanzine con ilustracións e poesías de máis de 20 artistas galegas, ata un curso intensivo coa directora da Estación Violenta, Anxos Fazáns.

Despois da boa acollida que tivo o festival o ano pasado, a aposta polos novos talentos marcará esta terceira edición, onde se xuntarán máis de 80 artistas invitadas e 25 locais que albergarán unha cita única na cidade olívica. As creadoras tomarán a segunda fin de semana de setembro: un cóctel de artes escénicas, faladoiros, música en directo, proxeccións de cinema, intervencións na rúa, obradoiros, poesía, contacontos e moitas máis sorpresas que irán descubrindo a medida que se vaia achegando a data.

As artistas veñen de publicar o primeiro adianto do cartel, onde se dan a man nomes recoñecidos da cultura como os de María Lado, María Rojas ou Mounqup e outros cheos de potencial coma Ariadna Cordal ou Lucía Estévez. Unha das novidades máis curiosas desta edición é Churruca na loita, que engloba o compromiso de 17 locais da xa mítica zona da cidade a poñer ao mando das súas mesas de mezclas a 17 mulleres durante toda a fin de semana, unha idea sen antecedentes en Vigo.

Axitar corpos e conciencias

“Serán 3 días para axitar os corpos e as conciencias”, afirman as organizadoras, que este ano contan co apoio desinteresado dun equipo de máis de 20 voluntarias que, xunto coas asociadas, axudarán a facer da III Edición do Festival 85C unha cita inesquecible para quen vive a arte tamén como motor de causas sociais e dende unha perspectiva de xénero. Cómpre non esquecer que 85C é unha asociación sen ánimo de lucro que leva traballando arreo dende 2016 pola igualdade na cidade e no resto de Galicia.