As xestantes dos concellos da área de Vigo xa poden realizarse a curva de glicosa nos centros de saúde

Con este programa a EOXI de Vigo dá un paso máis na humanización do proceso de xestación, e mellora a accesibilidade das usuarias ao sistema sanitario evitándolles desprazamentos ao hospital
Publicado por o día 05/06/2018 na sección de Galicia,Salud,Sanidad,Vigo

As xestantes dos concellos da área de Vigo xa poden realizarse a curva de glicosa nos centros de saúde

As mulleres xestantes dos concellos da área sanitaria de Vigo xa poden realizarse a proba da “Curva da Glicosa” nos centros de saúde, en vez de achegarse ao Hospital Meixoeiro, como viña acontecendo ata agora.

Trátase dun novo programa asistencial, que ven de ser incorporado á carteira de servizos da Atención Primaria co obxecto de ofertar esta prestación nos centros de saúde que son cabeceiras comarcais, e evitar así os desprazamentos innecesarios aos hospitais.

A pilotaxe deste programa realizouse no centro de saúde de Tui, e desde o día 1 de xuño, tamén se implementou nos centros de A Garda, Ponteareas, A Cañiza, Cangas, Moaña, Porriño, Val Miñor e Redondela. Trátase dunha primeira fase, xa que ao longo do ano irase estendendo ao resto de centros de atención primaria da área sanitaria.

En cada centro de saúde o programa lévase a cabo un día determinado da semana, aínda que está deseñado coa posibilidade de adaptarse ás necesidades, polo que se nalgún centro fose necesario incrementar os días de realización da proba, poderán establecer máis días para atender á demanda.

Esta iniciativa constitúe un dos programas incorporados á carteira de servizos da Sanidade pública galega máis beneficiosos para as usuarias, xa que presenta indubidables vantaxes, facilita a accesibilidade ao sistema, ofertando unha atención máis próxima ao seu lugar de residencia e evitando desprazamentos innecesarios aos hospitais.

Diabetes xestacional

Esta proba, o “Test O,Sullivan”, que ten que ser solicitada polo especialista en Obstetricia e Xinecoloxía, realízase no segundo trimestre do embarazo a todas as xestantes para descartar unha diabetes xestacional.

Consiste na inxesta de glicosa para analizar a reacción á sobrecarga desta inxesta.

O procedemento, levado a cabo polo persoal de enfermaría dos centros, é o seguinte: cando chega a xestante realízaselle unha extracción de sangue, posteriormente ten que beber unha dose de glicosa, e tras 1 hora en repouso efectúaselle unha segunda analítica.

Dependendo do resultado, e segundo os protocolos establecidos, se valora a indicación dunha segunda proba definitoria.

A subdirectora de Procesos Enfermaría da EOXI de Vigo, Ana Estévez, explica que “a posta en marcha deste programa é dificultoso desde o punto de vista organizativo, dado que obriga á introdución de cambios nas dinámicas de traballo da enfermaría así como nos circuítos de transporte das mostras e do propio laboratorio onde se analizan; sen embargo, supón un salto cualitativo moi grande na asistencia, sendo tan beneficioso e agradecido polas mulleres que, sen dúbida, seguiremos coa súa implantación no resto de centros da área “-.

En termos semellantes tamén se expresa o xefe do servizo de Obstetricia e Xinecoloxía do CHUVI, Carlos López Ramón y Cajal -“trátase dunha medida de humanización do control do embarazo que supón un paso máis no avance cara á calidade asistencial; e nese camiño, que pasa por contemplar o embarazo como un proceso natural, e non como unha enfermidade, a colaboración coa atención primaria é fundamental”-.

Plan Estratéxico da EOXI de Vigo

Esta iniciativa enmárcase no Plan Estratéxico da EOXI de Vigo, en concreto con dous das súas principais liñas de actuación. Coa primeira, que baixo o lema “O paciente é o primeiro”, trata de humanizar o coidado ao paciente en todo o proceso asistencial, especialmente en situacións críticas e de fraxilidade, contemplando tamén “coidar ao que coida”. E tamén coa liña 4 do Plan: “Accesibilidade e Continuidade Asistencial”, que propón propostas para mellorar a accesibilidade en determinados procesos asistencias.

En xeral, trátase de introducir na asistencia sanitaria unha nova filosofía de traballo, máis humanizada, próxima e personalizada, na que ademais de tratar as enfermidades aténdase tamén ás persoas.