ASCEL, ADEGA e GEAS denuncian ante o SEPRONA a aparición dun lobo morto por tiro na Serra do Cando

Demandamos publicamente á Consellería de Medio Ambiente tolerancia cero fronte estes casos e esiximos a depuración de responsabilidades.
Por o 06/02/2018 | Sección: ADEGA,Social
ASCEL, ADEGA e GEAS denuncian ante o SEPRONA a aparición dun lobo morto por tiro na Serra do Cando

O luns 5 de febreiro expertos de ASCEL conduciron a axentes do SEPRONA ante o cadáver dun lobo na Serra do Cando, nun lugar próximo á aldea de Cima de Vila,no concello de Cotobade-Cerdedo, co propósito de  levantar acta sobre o estado no que se atopaba dito exemplar. Estas tres organizacións axuntarán nos próximos días denuncia para que se incorpore ao expediente do SEPRONA, a efectos de incoar dilixencias de investigación que permitan esclarecer a autoría deste suceso, que recordamos resulta constitutivo dun delito contra a fauna segundo o disposto no artigo 335 do Código Penal. Unha vez tomada acta avisouse á Medio Ambiente da Xunta para que procedera a súa recollida, custodia e estudio mediante necropsia.

Nunha primeira valoración apreciase un orificio de entrada de bala con outro de saída moi próximo ao corazón. Trátase dun macho novo duns 8 meses, de tamaño destacable, que debeu recorrer unha distancia duns 300 metros antes de xacer no punto atopado. Un lobo en moi boas condicións e en perfecto estado sanitario. A morte do animal poido ter lugar cara o xoves ou venres da semana pasada.

Consideramos este un grave feito que non se trata dun caso illado, pois xa en setembro de 2013 apareceu un lobo colgado nun sinal do parque eólico desa Serra, e no 2015 un grupo con cinco cachorros foi perseguido durante unha batida de xabaríl descoñecéndose o desenlace. Queremos recordar que o lugar está dentro da Rede Natura 2000 e é necesaria máis vixilancia durante a tempada de caza, ante episodios de caza ilegal nesta zona asentados nunha total impunidade.

Denunciamos que a administración está a actuar dunha maneira moi permisiva coa persecución ilegal que sofre o lobo, e que pouco ou nada se fai pra que se sancionen como actividades delictivas que son. Urxe que a Xunta de Galicia actúe con determinación e contundencia pra poñer fin a unha conducta delictiva asentada fóra do cumprimento da lei, e que cumpra coas previsións establecidas no artigo 7 do Plan de Xestión do Lobo.  Así como acometer un maior esforzo nas políticas que favorezan o que debería ser un normal clima de coexistencia entre a especie e as actividades humanas.

Recordamos que o lobo aínda estando catalogado coma especie cinexética en Galicia a efectos de xestión queda sometida ás disposicións do DECRETO 297/2008, de 30 decembro, polo que se aproba o Plan de xestión do lobo en Galicia o cal significa que a especie a tódolos efectos está amparada baixo unha particular e específica condición legal de protección.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.