Asemblea Aberta de Coia convoca concentración con ocasión da citación de Diego

Nota de prensa da Asamblea Aberta de Coia
Publicado por o día 03/10/2016 na sección de Asamblea Aberta Coia,Social

Asemblea Aberta de Coia convoca concentración con ocasión da citación de Diego

Dende a Asemblea Aberta de Coia convocamos unha concentración ás 11.00h. na porta dos Xulgados de Vigo (Edificio da Audiencia) o mércores 5 de outubro, con ocasión da citación do compañeiro Diego para notificarlle o escrito de acusación e o escrito do Ministerio Fiscal.

Trala instrucción do procedemento, o Xulgado de Instrución nº 4 de Vigo pecha a investigación, e da traslado ó Fiscal e á acusación particular para presentar escrito de acusación.

Perante as probas practicadas, o Ministerio Fiscal considera literalmente que “non foi acreditado debidamente que polo acusado se cometese a infracción criminal da que se lle acusa”. No seu informe, o Ministerio Fiscal, aínda recoñecendo a presunción de veracidade da declaración do axente denunciante e do seu compañeiro, considera que elas non son suficientes para sustentar a culpabilidade de Diego.

Por contra, a acusación particular solicita tres anos e medio de prisión, dous por un delito de atentado e un ano e medio por un delito de lesións. Así como o pagamento dunha responsabilidade civil de 30.355,84 Euros.

Ante esta situación, convocamos a referida concentración co fin de denunciar a inxustiza da acusación presentada, e solicitar a libre absolución de Diego, que é víctima dunha montaxe policial, como castigo á sua labor en defensa da xustiza social e os dereitos para todas.