Asemblea Xeral Ordinaria de Nada

Preto dunha cincuentena de persoas participantes na Asemblea Xeral do Centro Xuvenil Abertal, que incluíu tempos de formación, avaliación, celebración e convivencia
Publicado por o día 29/12/2017 na sección de Eventos,Social

Asemblea Xeral Ordinaria de Nada

O pasado venres, 22 de decembro do 2017, a Asociación Centro xuvenil Abertal, asociación socia fundadora da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia, celebrou a súa Asemblea xeral ordinaria no curso 2017-2018 na que participaron ao redor dunha cincuentena de persoas: órganos unipersoais, traballadoras, voluntarias e voluntarios… dos diferentes proxectos, que se desenvolven arestora na entidade viguesa.

O centro xuvenil considera a asemblea coma un tempo importante de encontro, formación, celebración e compromiso.

Ao momento inicial de acollida cun café quente, seguiulle a parte máis preceptivamente estatutaria do informe da xestión do que vai de curso: memoria gráfica dos proxectos, balance económico, informacións federativas e supraautonómicas…

Logo deste momento, tivo lugar un bloque formativo, sobre ‘Avaliación construtiva: Sumar e non restar’, impartida pola mestra e psicopedagoga Sonia Núñez, que conta no seu haber cunha ampla formación e experiencia no acompañamento de procesos formativos na educación formal e informal e que tamén é un nome propio na historia da entidade.

Para aplicarmos o presentado e ensaiado na formación, a ese momento seguiulle a reunión tanto das responsables como dos e das animadoras voluntarias de cada un dos proxectos para facer a valoración trimestral, tendo un pequeno tempo de reflexión e propostas de cara ao vindeiro trimestre.

Ao final da tarde foi a celebración de Nadal, preparada por un dos grupos do Centro Xuvenil, co reparto da Luz da Paz de Belén.

Para rematar a xornada da Asemblea compartimos a cea con boa conversa, risas a esgalla, xogos, karaoke, música e baile, ata ben entrada a madrugada