Asembleas do transporte aproban case por unanimidade suspender a folga

A mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, a petición da CIG, fixo posíbel o acordo
Publicado por o día 13/07/2017 na sección de CIG,Protestas,Sindicatos

Asembleas do transporte aproban case por unanimidade suspender a folga

Traballadores/as do sector de Transporte de Viaxeiros/as ratificaban esta mañá, nas asembleas celebradas simultaneamente en todo o país, o preacordo acadado onte entre os sindicatos e a patronal do sector. Un preacordo ao que se chegaba na xuntanza auspiciada pola CIG no Consello Galego de Relacións Laborais, organismo ao que a central sindical solicitou a súa intervención para que as partes retomaran o diálogo. Deste xeito, a folga indefinida que había comezar este mesmo xoves, queda suspendida á espera de que se vaian vendo os avances das negociacións.

O acordo acadado onte permitiu recuperar o Marco Galego de Negociación, creado o pasado 4 de xullo e que para a CIG supón un avance. Así o valorou o responsábel do sector de Transporte da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, quen salientou que supón “un fito histórico” por conseguir sentar, por vez primeira, á patronal nunha mesa de carácter nacional.

De feito no texto do acordo sublíñase que esta Mesa é a que ten a “plena lexitimidade e capacidade para a negociación no ámbito galego de transporte de viaxeiros por estrada”.

Outro dos compromisos adquiridos polas partes é o de impulsar a negociación das subas salariais, co compromiso de que nas Comisións Delegadas provinciais, dependentes da mesa nacional, a revisión das táboas salariais sexa, a partir de hoxe, dun 2%.

Tamén se fixa un calendario de xuntanzas, tanto das comisións provinciais como da mesa nacional, até o 2 de agosto, para ir avanzando entre mentres na negociación dos convenios.

Intervención do Consello Galego de Relacións Laborais

Este acordo ratificado hoxe polas asembleas, non tería sido posíbel sen a solicitude de mediación remitida pola CIG ao Consello Galego de Relacións Laborais. A este respecto Xesús Pastoriza lembra que o pasado martes o diálogo e o Marco Galego saltaran polos aires tras levantarse da mesa a patronal.

Unha decisión que a patronal xustificaba por mor da sinatura por parte de CCOO e UGT do acordo coa Xunta de Galiza, que baleiraba dunha parte do seu contido –o relativo ao Plan de Transporte- o Marco Galego e que para a CIG só servía para “lavarlle a cara á conselleira na súa comparecencia no Parlamento”.