Así fomenta a Universidade que as nenas sexan científicas e tecnólogas

16 mentoras traballaron durante o curso pasado en cinco centros educativos de Vigo e Baiona
Publicado por o día 03/10/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Así fomenta a Universidade que as nenas sexan científicas e tecnólogas

“Aprendín que as rapazas podemos facer o mesmo que os rapaces”. “Unha experiencia moi bonita, que te anima a ser científica ou tecnóloga” ou “foi espectacularmente emocionante”. Con esta verbas resumiron algunhas das 122 nenas e 116 nenos de 5º e 6º de Primaria e 1º de Secundaria dos centros Plurilingüe Ramón y Cajal; Santa Cristina; Escultor Acuña e Miralba de Vigo e Cova Terreña de Baiona, a súa participación na primeira edición do programa Inspira STEAM Galicia, posto en marcha pola Universidade de Vigo o pasado curso. Co obxectivo de fomentar as vocacións femininas nos ámbitos científico e tecnolóxico, a institución académica viguesa sumouse, co apoio da Universidad de Deusto, a unha iniciativa que nos últimos anos se desenvolveu en Euskadi, Cataluña e Madrid, incorporándose o pasado curso, ademais de Galicia, Andalucía, e que foi quen de acadar no global das catro comunidades na edición 2018-2019 a participación de 2982 nenas e 2893 nenos de 113 centros escolares, nos que desenvolveron ou seu labor 315 mentoras. No caso de Galicia foron 16 as mentoras que acudiron aos centros escolares de Vigo e Baiona a impartir un total de seis sesións, duns 45 minutos cada unha. Na súa totalidade, as mentoras que participaron na primeira edición do Inspira STEAM Galicia son egresadas da Universidade de Vigo, que traballan en empresas do sector tecnolóxico e que previamente recibiron unha formación específica para impartir as sesións nos centros educativos.

Con esta iniciativa, baseada en: facilitar ao alumnado de Primaria referentes de mulleres tecnólogas cercanas; achegar as profesións STEAM; descubrir os estereotipos para que non condicionen a eleccións dos estudos e visibilizar ás mulleres tecnólogas, a Universidade de Vigo pretende reverter a caída continuada de presenza feminina en carreiras tecnolóxicas, pero tamén científicas. E é que, como destacaron esta maña no acto de presentación das conclusións do proxecto, tanto a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, como a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, no curso 2016-2017 na universidade española había matriculadas un 54% de mulleres, das que un 25% cursaba enxeñarías e só un 12% titulacións relacionadas coas TIC. No caso da Universidade de Vigo no curso 2017-2018 un 20% de mozas estudaron enxeñarías, fronte ao 80% de homes, mentres que as persoas graduadas neste ámbito no curso 2016-2017 foron pouco máis dun 20% mulleres, fronte ao case 80% restante de homes.

Para Carmela Silva que sexan as nenas as que teñen mellores cualificación na escola nos ámbitos STEAM e logo non escollan carreiras deste ámbito “comeza no berce e cómpre traballar cos estereotipos para que eles vaian as carreiras sociais e elas ás técnicas”. A presidenta da Deputación de Pontevedra gabou a iniciativa da Universidade de Vigo de poñer en marcha o proxecto Inspira STEAM Galicia, que cualificou de “fundamental para traballar xa desde a educación Primaria” e permitir empoderar ás nenas para que poidan tomar decisións libres e que os nenos poidan coñecer e escoller actividades profesionais relacionadas con ámbitos como o dos coidados. Pola súa banda, desde a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, María Seijas, destacou o esforzo de sensibilización para fomentar vocacións que fan as mentoras, así como a solidariedade interxeneracional do proxecto, que considera imprescindible para rachar coa fenda de xénero “cada vez máis fonda que se produce no ámbito STEAM, onde se concentrarán as profesións do futuro e no que, se as mulleres non poden atopar traballo, implicará un maior empobrecemento para elas”, explicou.

Peche da primeira edición e arranque da segunda

Natalia Caparrini foi a encargada de presentar o balance da primeira edición do proxecto, que lembrou comezou por iniciativa do director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Íñigo Cuiñas, que moi preocupado no ano 2018 pola caída da presenza feminina nas carreiras técnicas da Universidade de Vigo, contactou co resto de directoras e directores deste centros para buscar solucións. “Íñigo descubriu o proxecto Inspira STEAM e eu asumino cando cheguei á Vicerreitoría e tras seleccionar as mentoras entre egresadas nosas e formalas, e elixir os colexios, comezaron as sesións nos cinco colexios, entre marzo e xuño deste ano”, detallou Caparrini. A vicerreitora destacou a boa acollida que a iniciativa tivo entre as mentoras “verdadeira alma do proxecto, no que participan de forma totalmente voluntaria”, que impartiron as sesións nos centros de Vigo e Baiona, a un total de 122 nenas e 116 nenos ás e aos que falaron das profesións STEAM, os estereotipos, as achegas das mulleres á historia ou as mulleres STEAM actuais.

Cara á segunda edición do proxecto, que xa se inicia estes días coa formación das futuras mentoras, Caparrini manifestou a súa expectativa de poder duplicar, tanto o número de colexios, como o de nenas e nenos que participen nas sesións de mentorización, que se desenvolverán entre os meses de xaneiro e abril de 2020.