Así se expandiu a avespiña do castiñeiro en Galicia en catro anos

A praga detectouse no 2014 en dous focos principais, en Lugo e Ourense, sumando ese primeiro ano 44 positivos. Este exercicio pechouse con 4.130 novos positivos e a praga xa entrou na gran zona produtora do oriente de Ourense
Publicado por o día 09/12/2017 na sección de Medio Ambiente

Así se expandiu a avespiña do castiñeiro en Galicia en catro anos

A avespiña do castiñeiro colonizou case por completo Galicia en a penas catro anos. Só quedan libres zonas puntuais da Mariña lucense, do Barbanza e do Rosal, pero é previsible que aguanten pouco tempo sen a praga. A expansión da avespiña foi meteórica. Dos 44 positivos confirmados no 2014 en Lugo e Ourense, pasouse ós 4.130 novos positivos do 2017, ano no que a praga entrou na gran zona produtora de castaña, no oriente de Ourense.

As montañas orientais de Lugo, outra zona tradicional de castaña, xa sufriran a incursión da praga no 2016, polo que é previsible que en próximos anos o impacto da avespiña se deixe notar na colleita tanto no oriente de Lugo como en Ourense. Cada avespiña pon cada campaña arredor de 100-200 ovos nos castiñeiros, polo que en a penas 2-3 anos o crecemento da súa poboación pode acadar cotas preocupantes.

Os datos da Xunta apuntan a que a avespiña está presente no 91% dos concellos de Ourense (84), no 84% dos concellos de Lugo (56), no 71% dos concellos da Coruña (66) e no 70% dos concellos de Pontevedra (43), segundo os datos que expuxo José Carlos Costas, da Consellería do Medio Rural, nunhas recentes xornadas sobre o castiñeiro organizadas polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

Loita biolóxica
Galicia acumula ata o de agora arredor de 8.000 positivos detectados (44 no 2014, máis de 1.700 no 2015, máis de 2.200 no 2016 e máis de 4.100 no 2017). Para enfrontar o problema no curto prazo, a única solución pasa pola solta dun insecto, o ‘Torymus sinensis’, que parasita as postas de ovos da avespiña. O Ministerio autorizou ata agora as soltas a contagotas, dun xeito experimental. No 2015 só puideron liberarse 1.500 individuos, no 2016 xa foron 66.000 -exclusivamente en Lugo e Ourense-, e este ano 133.000, con extensión das soltas a Pontevedra e a Coruña.

Para o 2018, a previsión da Xunta é ampliar as soltas a 1,6 millóns de ‘Torymus sinensis’, sempre e cando consiga a autorización ministerial e Italia, o país suministrador, logre aportar esa cantidade de parasitoides.

Outra das dúbidas que planea sobre o sector é a calidade dos parásitos enviados desde Italia, pois no país transalpino recoléctanse os insectos do campo e dubídase de que as partidas que se mercan estean compostas unicamente por ‘Torymus sinensis’, segundo manifestou unha das ponentes nas xornadas do castiñeiro celebradas en Santiago.