ASIME presenta nunha xornada axudas públicas para a internacionalización e facer fronte ao Brexit

A xornada foi organizada por Asime, en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).
Publicado por o día 17/02/2020 na sección de Galicia,Vigo
ASIME presenta nunha xornada axudas públicas para a internacionalización e facer fronte ao Brexit

Asime, en colaboración co IGAPE, organizou hoxe 17 de febreiro unha xornada sobre as posibilidades de financiamento en materia de internacionalización dixital, así como accións de promoción exterior en materia de difusión e participación en feiras que melloren o seu posicionamento en mercados internacionais.

Ao encontro acudiron máis de 20 empresas, que recibiron información e asesoramento sobre como potenciar os seus proxectos empresariais a través de diversas liñas de financiamento público.

Enrique Mallón, Secretario Xeral de Asime, destacou: “Hoxe imos poñer en común con IGAPE as axudas para internacionalización, e sobre todo imos abordar cales son as áreas máis relevantes neste sentido para o sector do metal galego no 2020 e 2021. Hai países cos que levamos xa moitos anos traballando, como Alemaña, Francia, Reino Unido, EEUU, Canadá, Brasil, Marrocos, pero hai tamén outros mercados que debemos explorar”.

Así mesmo, Enrique Mallón destacou: “Desde Asime tentamos ser capilares para Igape en relación coas máis de 600 empresas que aglutinamos. Temos unha forte colaboración co IGAPE neste sentido, sendo Asime unha das entidades que máis utiliza estas axudas, e certificamos absolutamente a súa efectividade. Cremos que estes apoios que o goberno galego ofrece para o ámbito internacional son moi acertados, tanto a achega de bolseiros e técnicos de comercio exterior nas empresas, como as misións comerciais e casetas en feiras, e así llo trasladamos ás empresas na xornada de hoxe.”

Augusto Álvarez-Borrás, Director da área de Internacionalización en IGAPE, presentou a nova convocatoria do programa Galicia Exporta, e destacou: “O que pretendemos coa xornada de hoxe en Asime é difundir nosas diferentes axudas e accións para incrementar a base exportadora das pemes galegas e fomentar a diversificación cara a novos mercados potentes e competitivos máis aló da Unión Europea.

Con respecto ao detalle das axudas dispoñibles, Augusto Álvarez-Borrás detallou: “Para iso poñemos en marcha o paquete de medidas de Galicia Exporta, que no seu conxunto supera os 11 millóns de orzamento, con axudas directas a empresas, a organismos intermedios como Asime e unha nova vía específica para a dixitalización, así como accións coas cámaras de comercio e a incorporación de profesionais de exportación ás empresas”.

Durante a xornada, Guillermo Viña González, Subdirector da área de Internacionalización en IGAPE, detallou as diferentes liñas de financiamento dentro de Galicia Exporta e pechouse o evento cun coloquio no que as empresas puideron expor as súas dúbidas #ante a presentación das súas solicitudes a estas axudas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.