Asinado o convenio entre Medio Ambiente e Portomarín para a mellora da praza do mercado municipal

A titular en funcións do departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde de Portomarín, Juan Carlos Serrano, asinaron hoxe o convenio que recolle esta actuación, na que se investirán máis de 34.000 euros.
Por o 08/11/2016 | Sección: Marín,Vigo,Xunta de Galicia
Asinado o convenio entre Medio Ambiente e Portomarín para a mellora da praza do mercado municipal

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá máis de 34.000 euros na mellora da praza do mercado municipal de Portomarín.

A titular en funcións deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade, Juan Carlos Serrano, asinaron hoxe en Santiago o convenio de colaboración no que se recolle esta actuación.

O obxectivo dos traballos será, fundamentalmente, mellorar o pavimento de acceso á edificación, que se atopa actualmente deteriorado. Para conseguilo, executarase un novo pavimento a base de formigón impreso -tipo pedra irregular- de cor natural.

Tamén se proxecta a colocación de laxas de granito a modo de albardilla do muro existente e, na parte inferior deste, instalarase unha tira LED de iluminación ao longo do perímetro e substituiranse as dúas luminarias existentes.

Ademais, procederase á canalización para o saneamento de fecais e recollida de pluviais mediante a colocación soterrada dunha tubaxe de desaugadoiro da edificación e un pozo de rexistro novo conectado á instalación existente.

Plan Hurbe

Esta actuación inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010 polo Goberno galego e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.

Segundo o Plan de investimentos da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Consellería destinará este un total de 11 millóns de euros. O orzamento destinarase, principalmente, á humanización de rúas e á urbanización e mellora de espazos públicos.