Asinados os contratos de aluguer social de dous pisos en San Eleuterio

As famílias beneficiarias de ambos alugueres xa poden mudarse ás súas novas vivendas na parroquia de Tameiga
Publicado por o día 11/07/2017 na sección de Galicia,Mos

Asinados os contratos de aluguer social de dous pisos en San Eleuterio

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e os titulares beneficiarios das dúas vivendas sociais en San Eleuterio, asinaron esta mañá no salón de sesións do Concello coa presencia da concelleira mosense de Política Social, Sara Cebreiro, os contratos de aluguer dos dous pisos (un de 3 dormitorios e outro de 4) sitos na urbanización emprazada na parroquia de Tameiga.

Os requisitos que tiñan que cumprir as familias que se inscribiron para optar a ser beneficiarias do aluguer social destes dous pisos eran estar empadroadas en Mos, estar inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivendas de Promoción Pública e ter uns determinados ingresos na unidade familiar. O prezo do aluguer estableceuse en función da renda da familia beneficiaria.

As vivendas destínanse a domicilio habitual e permanente dos adxudicatarios. Enténdese por ingresos  familiares os ingresos líquidos totais da unidade familiar nos seis meses anteriores a data da publicación das bases, entendendo como ingresos as rendas de traballo, pensións, prestacións ou calquera outro ingreso que non se considere finalista.

Requisitos

Podían acceder ás vivendas obxecto das presentes bases as persoas, nacionais ou estranxeiras, maiores de idade e con plena capacidade de obrar que, como titulares dunha unidade familiar reunisen os seguintes requisitos:

Atoparse inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivendas de Promoción Pública. Acreditar que a unidade familiar ten uns ingresos nos seis meses anteriores comprendidos entre 2.396,28 € (Subsidio básico da renda de integración social de Galicia por seis mensualidades) e 6.390,12  € (2 veces o Iprem por seis mensualidades). E carecer, ou ter perdido o uso, de vivenda en calidade de propietario, arrendatario, usufructuario ou calquera outro título en dereito que permita o seu uso e gozo, salvo cando concorran algunha das seguintes circunstancias:

Acreditar que a vivenda da que se dispón sexa inhabitable, insuficiente ou inadecuada. Habitar unha vivenda suxeita a expediente de expropiación ou desafiuzamento xudicial ou administrativo non imputable ó interesado ou ben ocupar aloxamentos provisionais como consecuencia de situacións de urxencia ou remodelación que impliquen a perda da vivenda. Ou habitar unha vivenda a título de arrendatario/a sempre que a renda desta sexa superior á establecida legalmente para as vivendas de promoción pública.

Outros requisitos a cumprir polos aspirantes a beneficiarios destes alugueres sociais eran estar empadroado no termo municipal de Mos cunha antigüidade de tres anos ininterrompidos e inmediatamente anteriores o día de inicio do prazo de admisión de solicitudes, e estar ó corrente de todas as obrigas tributarias co Concello de Mos (tamén se entende estar o corrente cando teñen recoñecemento de aprazamento de débeda e xustificación de pago dos prazos vencidos ou solicitude inicial de fraccionamento de débedas).

Os pisos dos que hoxe se asinou o cantrato de aluguer son o E2 -1º B (4 dormitorios)  e E2 –Baixo C (3 dormitorios). Para optar a eles a unidade familiar debía estar formada por un mínimo de cinco e catro membros respectivamente. Aos efectos de cómputo ás unidades familiares monoparentais se lles sumaba un membro máis.