Asinados os convenios para o acceso a Montecelo e a rotonda de Príncipe Felipe

O alcalde e a presidenta da Deputación destacan a “boa sintonía” entre as dúas administracións e subliñan que as necesidades son marcadas polo Concello
Por o 08/08/2017 | Sección: Galicia,Pontevedra
Asinados os convenios para o acceso a Montecelo e a rotonda de Príncipe Felipe

O alcalde Miguel Fernández Lores e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, asinaron hoxe os convenios de colaboración que farán posible a construción do acceso sur a Montecelo-Príncipe Felipe ou ronda leste -tramo que unirá a estrada Pino-Bora á altura do Marco con Montecelo e a rotonda de acceso ao centro Príncipe Felipe. Unha nova colaboración que amosa, como subliñaron os dous asinantes, a “boa sintonía” que hai entre as dúas administracións.

O acceso sur está orzamentado en 3.416.014,38 euros e a rotonda ten un custe de 549.981,31 euros. A Deputación asume o custe íntegro da rotonda mentres que o Concello pon a dispor da institución provincial os terreos e no caso da ronda -un proxecto que ven do ano 2013 e que agora está reformulado- o Concello xa pagou 1,3 millóns e resto queda a cargo de Deputación.

Miguel Fernández Lores puxo en valor o traballo conxunto das dúas institucións que se hoxe asinan acordos marco para dúas novas infraestruturas, con anterioridade teñen asinado outros dous para acometer obras de saneamento e a construción de equipamentos deportivos (campos de herba sintética). Poren o alcalde de Pontevedra vai un paso máis alá e apunta para un futuro a medio prazo novas actuacións conxuntas como pode ser o novo acceso a Monte Porreiro por Tafisa e outras instalacións deportivas.

“Creemos que son obras de infraestruturas e medioambientais necesarias, de saneamento, equipamentos deportivos, etc. que van a supoñer un avance na capacidade de dar servizos aos veciños e veciñas de Pontevedra” indica o alcalde. A obra da rotonda vai a mellorar o acceso ao centro Príncipe Felipe, reordenar o tráfico na zona e mellorar os servizos da caseta de vixilancia e o novo acceso a Montecelo reconducirá o tráfico que chega do sur cara o hospital Montecelo e mesmo o que vai cara o Campiño e Ponte Caldelas, reducindo o tráfico de paso pola cidade e aliviando os saturados viais veciñais de subida a Montecelo.

“Destacaría a boa sintonía e colaboración que hai co Concello e o feito de que a Deputación colabora economicamente pero a decisión das necesidades e investimentos que estamos facendo é maioritariamente municipal, obviamente coa anuencia da Deputación” subliñou o alcalde Miguel Fernández Lores. “Creemos que ten que ser así, o Goberno municipal -sexa da cor que sexa- é o que mellor coñece as necesidades do concello e a necesidade de investimentos por parte doutras administracións” enagdiu o alcalde.

Neste mesma liña incidiu a presidenta Carmela Silva ao citar o “respecto á autonomía municipal” como un dos eixos fundamentais da actuación da actual Deputación. Os concellos son os que mellor coñecen ás súas necesidades e o camiño que queren seguir xa que “os gobernos locais son elixidos pola cidadanía para un proxecto e o alcalde foi elixido polos cidadáns para un proxecto para esta cidade e el quen ten que deseñar o desenvolvemento a seguir”. Ademais, engadiu, “a Deputación ten un proxecto de infraestruturas para toda a provincia que coincide ademais co que ten desenvolvido Pontevdra dende hai anos que se basa na mobilidade, na seguridade viaria e tamén nun tratamento diferente do espazo público e da trama urbana”.

A sinatura dos convenio deixa libre o camiño para a licitación polo que as obras poderían estar adxudicadas a final de ano e comezar a executarse na próxima primavera, segundo explicou o concelleiro de Infraestruturas e vicepresidente provincial, César Mosquera, presente no acto.