A asociación veciñal de Teis organizará unha comparsa no entroido, sobre a reivindicación do autobús ao Hospital

Convoca unha xuntanza este venres 20 ás 19horas, no local da asociación
Publicado por o día 18/01/2017 na sección de A.V. Teis,Sanidad,Social,Vigo

A asociación veciñal de Teis organizará unha comparsa no entroido, sobre a reivindicación do autobús ao Hospital

Onte a veciñanza de Teis, saíu en manifestación unha vez máis, para demandar unha conexión en autobús desde Teis ao hospital Alvaro Cunqueiro. Na asemblea celebrada ao final da manifestación, acordouse cara o entroido deste ano, organizar unha comparsa coa temática da reivindicación do autobús. Polo que imos realizar unha xuntanza aberta a veciañnza para tratar sobre a comparsa este vindeiro venres 20 de xaneiro ás 19:00 horas, no local da asociación.

A manifestación de onte era a septima realizada nos últimos tres meses, ademais da presentación no Concello de 3.654 sinaturas, o pasado mes de novembro. A asociación diante da falta de autobús, levara un autobús de cartón a manifestación.

Levan mobilizándose desde setembro de 2016, e aínda non saben cando teran unha liña de autobús desde Teis ao hospital Alvaro Cunqueiro. O Alcalde, fala desde fai meses de estudos, que aínda non esta realizado. Non é a primeira vez que o Alcalde, fai anuncios, que logo non se concretan e en Teis sabémolo ben: piscina da ETEA, biblioteca, etc.

Desde a apertura do novo hospital Álvaro Cunqueiro, disto fai máis dun ano, as queixas son continuas da veciñanza que utiliza o autobús urbano cara o novo hospital desde Teis.

A veciñanza de Teis, ten que desprazarse ate a avenida de García Barbón (Casa de Artes e Oficios) H1 ou até os Choróns H2 para poder conseguir un enlace para ir ao novo hospital.

Non hai ningunha liña que pase ou saia da parroquia de Teis. A liña H1, non funciona nin sábados, domingos e festivos.

Debemos ter en conta que unha parte importante dos/as usuarios/as son persoas maiores e supón un problema ter que coller varios autobuses, os domingos e festivos chegar ao Álvaro Cunqueiro supón un esforzo enorme para visitar aos familiares.

Temos un hospital con moitas deficiencias e a maiores carecemos dun bo transporte urbano que nós permita chegar ao hospital desde Teis.

Desde a Asociación entendemos que debe ser unha prioridade mellorar a conexión do autobús urbano co hospital Álvaro Cunqueiro desde Teis.

O goberno municipal debe esixir a empresa concesionaria “ Vitrasa “ que mellore este servizo debidamente e que atenda as demandas da veciñanza de Teis.

A Asociación xa solicitou dúas xuntanzas coa Concellaría de Transporte unha o pasado ano e outro neste, sen recibir até o de agora ningunha resposta.

Desde a Asociación Veciñal de Teis, propoñemos que a liña H2 e H1 sexan ampliadas até Teis e que a liña H1 funcione os sábados, domingos e festivos e cunha frecuencia de 30 minutos.