Aspanaex ve ampliada a cesión do edificio do Centro de Especialidades de Coia para a súa residencia ata 2047

O investimento que require a obra de adaptación do inmoble, o fin social e a necesidade que cobre e o número de postos de traballo que se crearán foron determinantes na decisión do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social.
Publicado por o día 24/06/2019 na sección de Eventos

Aspanaex ve ampliada a cesión do edificio do Centro de Especialidades de Coia para a súa residencia ata 2047

Aspanaex (Asociación en favor das persoas con discapacidade intelectual da provincia de Pontevedra) conseguiu a ampliación da cesión do antigo edificio do Centro de Especialidades de Coia ata 2047. Tras a firma inicial en 2017 da cesión cunha duración de 8 anos, con prórroga por outros 8, a Asociación realizou unha nova petición á Tesourería Xeral da Seguridade Social, propietaria do centro, para ampliar a súa duración a un total de 30 anos, en base a unha serie de argumentos relacionados coa viabilidade futura da Residencia.
 
A petición de Aspanaex enseguida atopou unha resposta positiva por parte do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade, que tivo en conta a necesidade deste centro especializado e tamén a súa capacidade de xerar postos de traballo, algún deles para persoas con discapacidade.
 
A rúbrica deste acordo, que tivo lugar o pasado mes de abril e que non se puido facer pública nese momento por tratarse de período preelectoral, correu a cargo de Teresa Galisteo, como presidenta de Aspanaex, e Juan Herrera da Loura, Director Provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social na provincia de Pontevedra.
 

O proxecto máis ambicioso de Aspanaex

 
O proxecto máis ambicioso de Aspanaex comezou fai máis de dez anos tras detectar que varias familias, debido a diferentes situacións persoais, necesitaban un servizo residencial para os seus fillos ou irmáns, ao non existir prazas libres en ningún centro da provincia, eran derivados a centros residenciais doutras localidades. Esa carencia ocasionou situacións de desarraigamento do usuario coa súa contorna, xa que de súpeto perdía a relación afectiva con familia, amigos e compañeiros derivada da convivencia diaria, que agora se vía interrompida.
 
Ante esta situación e froito da demanda por parte de numerosos socios da entidade, a Asociación decidiu poñer en marcha unha residencia e buscou diferentes alternativas para situala. A procura finalizou cando deron co Centro de Especialidades de Coia, en Vigo, propiedade da Tesourería Xeral da Seguridade Social, que desde o primeiro momento apostou polo proxecto.
 
A Residencia, cuxa inauguración se espera para 2021, estará distribuída en semisótano e plantas baixa, primeira e segunda. Dispoñerá de todos os servizos necesarios nunha superficie útil de 4.000 metros cadrados e contará con 58 prazas, 34 delas para persoas con máis necesidades de apoio e outras 24 para persoas con maior grao de autonomía.
 

Polo menos 40 postos de traballo

 
Ademais, a Residencia xerará entre 40 e 50 postos de traballo e desde a Asociación xa están a dar os pasos necesarios para que parte deses empregos sexan para persoas con discapacidade intelectual, ben mediante contratacións directas ou ben coa creación dun Centro Especial de Emprego de Iniciativa Social.
 
O custo total do acondicionamento do centro, accesible completamente para as persoas con necesidades especiais, ascende a tres millóns de euros e desde a Asociación puxeron en marcha unha páxina web especial (www.residenciaaspanaex.org) para dar a coñecer o proxecto e na que aparece un número de conta para colaborar, así como o testemuño e apoio de socios, familiares e autoridades.