Ata 40 docentes intercambiarán boas prácticas educativas con centros de fóra de Galicia a traves de ‘Observa_Acción’

A Consellería acaba de publicar a convocatoria deste programa de innovación, que ten como finalidade fomentar o desenvolvemento das Competencias Profesionais Docentes
Publicado por o día 04/11/2018 na sección de Educación

Ata 40 docentes intercambiarán boas prácticas educativas con centros de fóra de Galicia a traves de ‘Observa_Acción’

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar a convocatoria para o curso 2018/19 do programa de innovación educativa Observa_Acción: Innovación docente dende a observación e o intercambio entre iguais, a través do que ata 40 docentes poderán participar nun intercambio de boas prácticas educativas con centros de fóra de Galicia. A iniciativa ten como finalidade fomentar o desenvolvemento profesional nas Competencias Profesionais Docentes para a cooperación e colaboración, construción conxunta de coñecemento e o liderado e xestión de centros a través do intercambio de boas prácticas e a observación entre iguais.

O programa vai dirixido a centros públicos que impartan ensinanzas de educación infantil, primaria ou secundaria, que participarán nel a través de asociacións de centros. De cada un deles participarán neste programa de innovación cinco persoas do claustro, incluído un membro do equipo directivo. En total poderán participar 8 colexios ou institutos, dous na modalidade A, dous na B e catro na C.

A modalidade A, á que só poderán optar centros que xa participaron en Observa_Acción no curso 2017/18, consiste nunha visita de observación a centros de referencia no espazo internacional europeo; mentres que a modalidade B se basea o intercambio de observación interautonómico cun centro de cada unha das comunidades participantes, nomeadamente Asturias, Castela e León e A Rioxa. No caso da modalidade C, o intercambio producirase só cun centro de Castela e León.

A Consellería de Educación recoñecerá a participación dos docentes nesta iniciativa como actividade de innovación educativa cunha equivalencia de 30 horas de formación. Ademais, o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) coordinará o programa e fará o seguimento do seu desenvolvemento ao longo de todo o proceso.

Fases

Observa_Acción desenvolverase ao longo do curso a través de varias fases. A primeira delas será de formación inicial para todos os participantes no programa, a través do CAFI; mentres que a segunda pasará pola toma de contacto entre centros irmandados previa á observación. Para iso en cada centro estableceranse dúas modalidades de observación paralelas que serán desenvolvidas por dous perfís diferentes.

Por unha banda, unha persoa do equipo directivo cooperará con persoas dos equipos directivos dos centros irmandados en observación relativa a competencias para o liderado, xestión de recursos propios e alleos e estratexias comunicativas e colaborativas. Por outra, o grupo de persoas docentes cooperará co profesorado dos centros irmandados en observación relativa ás Competencias Profesionais Docentes nas que fose detectada unha necesidade específica ou compartindo boas prácticas de innovación educativa. Neste caso prestarase especial atención ás que estean a desenvolver en materia de novas propostas didácticas, metodoloxías activas e colaborativas, transformación na organización de centro, convivencia, inclusión, aprendizaxe integrado de linguas, competencia dixital, STEM ou avaliación.

Tras esta fase procederase ao intercambio propiamente dito, ben cun desprazamento ata as sedes dos centros anfitrións dentro do ámbito xeográfico europeo (modalidade A), ben cunha visita de dúas xornadas lectivas completas (modalidades B e C) a centros educativos dalgunha das outras comunidades participantes.

Por último realizarase unha coavaliación e avaliación final que inclúa unha reflexión para a innovación e a mellora da propia práctica docente a nivel individual e de centro.

Novas vías para a innovación

Este programa procura experimentar novas vías de formación do profesorado e favorecer a innovación educativa entre os docentes de centros educativos de Galicia, así como con outros centros doutras Comunidades Autónomas e doutros países socios en proxectos internacionais.

Non en balde, os intercambios inter-centros e inter-pares facilitan que os docentes observen de forma directa metodoloxías, distintos enfoques didácticos nos procesos de ensino-aprendizaxe, outras formas de relación e comunicación, ou diferentes vías de xestión dos recursos propios e alleos, fomentando a adaptación e a aplicación do aprendido na súa praxe diaria.

Ademais, o proceso que leva consigo o programa contribúe a fomentar o traballo en equipo dentro do propio centro, entre aqueles que teñen intereses compartidos e mesmo favorece a internacionalización, abrindo as súas portas a proxectos transfronteirizos, tanto no Estado español coma fóra del.