Ata o 20 de setembro permanece aberto o prazo de solicitude das axudas para subministrar froita fresca, castañas e leite aos centros escolares galegos durante o curso 2020-2021

Esta convocatoria está dotada cun orzamento superior aos 1,5 millóns de euros e beneficiará, un ano máis, os alumnos de infantil, primaria e secundaria dos centros escolares da comunidade
Publicado por o día 16/07/2020 na sección de Agricultura e Gandería,Xunta de Galicia

A Xunta lembra que ata o vindeiro día 20 de setembro permanecerá aberto o prazo para solicitar as axudas destinadas ao subministro de froita fresca, castañas e leite aos centros escolares galegos durante o curso 2020-2021.

Poderán acceder a estas achegas tanto os propios centros escolares como as persoas físicas ou xurídicas que se dediquen á produción e/ou comercialización dos produtos subvencionables recollidos no Anexo I da resolución publicada no DOG o pasado día 2 de xullo, na que se convocaban estas axudas. Neste caso, as empresas ou establecementos deben estar dados de alta no correspondente Rexistro Sanitario Oficial e reunir todos os requisitos establecidos en dita resolución.

Por medio desta liña de subvencións, a Consellería do Medio Rural pretende potenciar o consumo de froita e leite entre os nenos e a mocidade, creando así hábitos alimenticios saudables que poidan manter no futuro. Optarase preferentemente pola distribución de produtos galegos, que empreguen na súa obtención sistemas de produción sustentables e respectuosos co medio ambiente. A convocatoria para o curso 2020-2021 conta cun orzamento superior aos 1,5 millóns de euros, financiados polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga), mentres o Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) volverá ser subvencionado pola Xunta.

Cada ano, miles de alumnos galegos de infantil, primaria e secundaria obrigatoria consomen froita e leite nos centros onde estudan grazas a estas axudas que xestiona o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), dependente da Consellería do Medio Rural. En concreto, as achegas dispoñibles para o vindeiro curso escolar superan os 866.000 euros no apartado do leite e os 645.000 euros no caso da froita.

A distribución de froitas frescas e castañas levarase a cabo durante 10 días lectivos consecutivos, mentres no caso do leite líquido terá lugar durante un mínimo de 10 días lectivos seguidos. Os períodos de repartición autorizados serán de novembro de 2020 a febreiro de 2021 e de marzo a xuño do ano que vén.

Para máis información, pódese consultar a resolución das axudas, publicada o pasado día 2 de xullo, no seguinte enlace:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200702/AnuncioG1534-190620-0001_gl.html