O home que faltaba dende onte da súa casa no concello lucense do Valadouro foi atopado esta mañá –falecido- nun acantilado en Cangas de Foz. Así o indicaron os efectivos de Protección Civil ao 112 Galicia, sobre as 10:30 horas.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do suceso sobre as 21:30 horas da noite pasada. Foi o propio fillo do desaparecido quen indicou ao 112 Galicia que se atopaban na procura de seu pai, que faltaba da casa dende o mediodía dese mesmo día. Tras pasar aviso aos axentes da Garda Civil decontado se puxo en marcha un dispositivo de busca ata ben entrada a madrugada, no cal participaron ademais dos familiares e veciños, efectivos de Protección Civil da localidade e do GES de Cervo. Tamén, Salvamento Marítimo foi alertado do suceso.
Á primeira hora desta mañá, membros de Protección Civil informaban ao 112 Galicia que se retomaba o operativo de busca, coordinado pola Garda Civil. Tamén indicaron que despois de facer diversas indagacións puideron comprobar que o home tomara un taxi na Praza do Valadouro con destino a Cangas de Foz, polo que hoxe, rastrexarían esa zona. Un helicóptero da Garda Civil tamén se sumaría ao dispositivo de busca.
Finalmente, o corpo do home foi atopado nun acantilado pola parte de atrás da Igrexa, en Cangas de Foz. Aínda que se atopaba nunha zona de difícil acceso, o helicóptero da Garda Civil rescatou o corpo do señor sen ser precisos os medios de rescate marítimos.
Unha vez rescatado o cadáver foi trasladado a terra á espera dos medios forenses.
Trasladada unha muller en Mazaricos con síntomas de intoxicación ao quedarlle un fornelo da cociña acendido
Unha muller foi evacuada a noite pasada con síntomas de intoxicación por inhalación do gas que desprendeu un fornelo da cociña que quedou aceso.
Pasados uns minutos das 20:30 horas deste luns, persoal sanitario informaba ao 112 Galicia que recibiran a alerta dunha muller que lle indicara que cando chegou á casa da súa irmá, atopouna moi desorientada e cun cheiro moi forte a gas na súa vivenda. Os feitos ocorrían na localidade coruñesa de Mazaricos, concretamente, nunha casa da Avenida del 13 de Abril, no lugar da Picota.
Tras indicar dende o 061-Urxencias Sanitarias que unha ambulancia xa se desprazaba ao domicilio indicado, o 112 Galicia puxo en alerta aos Bombeiros do Xallas que decontado saíron para o punto. Do mesmo xeito, os profesionais do CIAE informaron da situación á Garda Civil, GES de Muros, Protección Civil da localidade e ao servizo de avarías da empresa subministradora do gas.
Unha vez no punto e cortar o gas tras comprobar que o fornelo da cociña quedara acendido, os Bombeiros, confirmaron o traslado da señora ata o Hospital Clínico de Santiago de Compostela.
O estouro dunha roda deixa a dous operarios feridos en Brión
Dous operarios resultaron feridos despois de estourar a roda do remolque dun camión.
Os dous traballadores atopábanse –neses intres- cambiando a roda do remolque do camión, na estrada que une A Picaraña e Bertamiráns, nos Ánxeles, no concello de Brión. Tratábase dun camión que transportaba madeira pero segundo informou un dos implicados, nin a carga nin o depósito de combustible do vehículo se viron afectados.
Os feitos ocorreron sobre as 19:45 horas da tarde pasada, foi –a esa hora- cando un dos feridos chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que o seu compañeiro a consecuencia do estouro tiña problemas de visión e el atopábase con molestias.
Así, con estes datos, solicitouse de inmediato a intervención do persoal do 061-Urxencias Sanitarias, que desprazou unha ambulancia ata o punto. Así mesmo, dende o 112 Galicia informouse dos feitos á Garda Civil e aos efectivos de Protección Civil.
Noticias de última hora en Vigo