Atopan o corpo dun home flotando no río Ulla en Padrón

Publicado por o día 27/06/2020 na sección de Sucesos

Atopan o corpo dun home flotando no río Ulla en Padrón

Unha persoa particular alertaba esta tarde ao 112 Galicia do achado do corpo dun home flotando no río Ulla, ao seu paso polo lugar de Ponte Aldea, no concello coruñés de Padrón.

O 112 Galicia recibiu a chamada do alertante pasados uns minutos das 14:00 horas e, a partir de aí, púxose en marcha o operativo de rescate, no que interviñeron ademais dos servizos sanitarios, os membros do GES e de Protección Civil da localidade, os axentes da Garda Civil e da Policía Local.

Así mesmo, desde o 112 Galicia puxéronse os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Boiro por se fose precisa a súa intervención.

Unha vez rescatado o corpo, as forzas da orde tratan de investigar as causas do achado.

O envío das coordenadas a través do móbil permitiu ao 112 localizar en Muros a un motorista ferido no monte

Un motorista resultou ferido de consideración ao caer nunha pista do concello de Muros, ao seu paso pola parroquia coruñesa de San Xoán de Torea.

O suceso produciuse ás 17:45 horas deste tarde. Foi a esa hora, cando un compañeiro do ferido chamaba ao 112 Galicia para solicitar asistencias médica urxente para o motorista. Indicaba, ademais, que descoñecía a súa situación exacta.

Tras a chamada de alerta ao 112 Galicia e seguindo as indicacións dos operadores, a persoa compartiu as coordenadas da súa localización mediante mensaxe de whatsapp. Isto permitiu a chegada da axuda ao lugar concreto e a asistencia inmediata do paciente, que presentaba lesións nunha perna.

Decontado, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia informaron aos profesionais sanitarios, que desprazaron unha ambulancia ao punto, ao GES de Muros e axentes da Garda Civil e Policía Local.

Unha vez valorado polo persoal sanitario, o motorista foi trasladado en ambulancia ao centro hospitalario de referencia.

Baten tres vehículos en Pontevedra

Ademais, un choque entre tres turismos deixou unha persoas ferida esta tarde en Pontevedra.

A chamada do propio ferido, ás 15:00 horas, puxo en alerta aos xestores do 112 Galicia. Indicaba que colidiron tres vehículos na PO-531, á altura do punto quilométrico catro.

Con estes datos, os profesionais do 112 Galicia axiña deron conta dos feitos ao servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e aos Bombeiros de Pontevedra. Tamén informaron aos axentes da Garda Civil de Tráfico e Policía Local, e aos efectivos de Protección Civil da localidade.

Finalmente, o persoal sanitario comunicou ao 112 Galicia a evacuación do ferido ao centro hospitalario de referencia.

Un incendio nun garaxe en Outes provoca diversos danos no seu interior

Un incendio declarado esta tarde no interior dun garaxe en Outes deixou danos no seu interior, afortunadamente, sen que ningunha persoa resultase ferida.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, o lume afectou a un tanque de gasóleo, diversa maquinaria e varios obxectos que se atopaban no interior. Compre destacar que ningunha vivenda se viu afectada.

Os feitos sucederon no lugar de Ousesende, ao fío das 17:15 horas. Foi nese momento cando unha persoa particular alertaba do incendio ao 112 Galicia. A partir de aí, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia solicitouse a actuación dos Bombeiros de Boiro e de Ribeira, da Garda Civil e de Protección Civil da localidade. Ademais, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso ao persoal do GES de Muros.

Os servizos de emerxencia confirmaron ao 112 Galicia que as labores de extinción do lume finalizaron pasados uns minutos das 18:30 horas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.