Atropelo en Vigo

Publicado por o día 26/01/2018 na sección de Sucesos

Atropelo en Vigo

En Vigo, unha persoa foi atropelada por unha moto na Avenida Ramón Nieto.

Sucedeu ás 22:30 horas e segundo indicou a persoa que chamou ao 112, o ferido quedou tendido na vía inconsciente.

Así, os xestores do CIAE 112 Galicia informaron a Urxencias Sanitarias e á Policía Local.

Rescate en Nigrán
Ademais, en Nigrán, outro vehículo saíuse da vía e caeu por un desnivel deixando ao único ocupante nunha situación complexa para a súa evacuación.

Segundo explicaron os servizos de emerxencias, o coche caeu por un desnivel dun metro de profundidade e quedou virado de lateral, de forma que dificultada a saída do condutor. Así, procederon a estabilizar o vehículo e facilitaron aos servizos sanitarios a atención do ferido, unha vez fóra do turismo.

O accidente produciuse pouco despois da medianoite no lugar de Telleiras e ata alí se desprazaron os efectivos do GES do Val Miñor, alertados polo persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia.

Dúas persoas resultaron feridas tras caer do peirao de Rianxo o coche no que viaxaban

Por último, dúas persoas foron evacuadas esta madrugada como consecuencia dun accidente rexistrado no peirao de Rianxo.

Segundo a información faciltada ao 112, o vehículo precipitouse do peirao e caeu a un areal. Nese momento, a marea estaba baixa, polo que os ocupantes do turismo saíron sen dificultades. Iso si, necesitaron asistencia médica e, de feito, foron evacuados nunha ambulancia de Urxencias Sanitarias un ao centro de saúde da localidade, outro ao hospital comarcal.

Pola súa banda, os servizos de emerxencias encargáronse da retirada do vehículo antes da subida da marea, que xa tocaba as rodas. Para iso, servíronse dun guindastre e o coche quedou depositado en zona segura dentro do peirao.

Foi un particular quen alertou ao persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia preto das 6:30 horas desta madrugada. Esta chamada permitiu aos xestores do 112 activar un operativo de rescate no que participaron os efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Boiro, ademais dos axentes da Garda Civil e os voluntarios de Protección Civil da localidade.