Augas de Galicia dá a razón a AER na súa denuncia sobre as obras da senda do Maceiras

Publicado por o día 03/06/2018 na sección de AER,Galicia,Política,Redondela

Augas de Galicia dá a razón a AER na súa denuncia sobre as obras da senda do Maceiras

Esta semana recibimos resposta de Augas de Galicia á queixa formulada por AER o pasado 13 de maio, onde solicitabamos ante este organismo a inmediata paralización das obras ata o mes de xullo, así como a retirada da escollera e dos muros que non estaban contemplados no proxecto autorizado.

Augas de Galicia comunícanos que “mediante oficio remitido ao Concello de Redondela requiriuse a paralización das obras a partir do día seguinte da recepción do escrito ata o remate do mes de Xuño e que as modificacións tanto dos muros que se están a realizar como da tipoloxía de pedra da que se compoñen deben ser comunicadas e solicitadas a este organismo”.

Antes desta petición a Augas de Galicia, o 3 de maio xa solicitaramos ao Concello por rexistro a paralización destas obras. Non tivemos resposta formal. A resposta veu vía prensa. O 10 e 11 de maio, Radio Redondela e Faro de Vigo respectivamente publican sendas novas nas que o concelleiro de Medio Ambiente do Concello de Redondela afirmaba que os técnicos de Augas de Galicia e do Servizo de Conservación da Natureza avalaban o cumprimento da condición mencionada ao non afectar as obras á canle do río. Á vista destas novas e ante a suposta visita dos técnicos, o 11 de maio preguntamos por rexistro saber en que data se realizou esta visita dos técnicos, saber se existe algún informe por escrito dos técnicos e copia do mencionado informe, se é que o había.

A día de hoxe non temos resposta a estas preguntas por parte do Concelleiro de Medio ambiente; e visto o que nos di Augas de Galicia na súa resposta (que non se poderán executar traballos na zona de servidume de 5 metros entre abril e xuño), entendemos que o concelleiro de Medio Ambiente mentiu publicamente; polo que AER considera que debería dimitir do seu cargo.