Augas de Galicia salienta que as obras de emerxencia da nova captación no río Verdugo non afectarán ao subministro de Ponte Caldelas

O director de Augas de Galicia mantivo esta mañá unha reunión co alcalde de Ponte Caldelas, na que se lle detallou a información enviada en novembro sobre as obras para reforzar o abastecemento á maior parte da comarca de Vigo
Por o 12/12/2017 | Sección: Medio Ambiente
Augas de Galicia salienta que as obras de emerxencia da nova captación no río Verdugo non afectarán ao subministro de Ponte Caldelas
Compartir en:

O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, trasladoulle esta mañá ao alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral, que as obras de emerxencia da nova captación do río Verdugo non afectará ao subministro de Ponte Caldelas. Así llo informou durante a reunión celebrada en Augas de Galicia, para explicarlle as obras de emerxencia da nova captación e condución de auga para o reforzo do abastecemento da maior parte da comarca de Vigo, que Augas de Galicia en colaboración con Concello de Vigo pretende executar durante os próximos meses.

O director, xunto con persoal da Administración Hidráulica de Galicia, explicaron detalladamente ao responsable municipal todos os aspectos definidos da actuación, e de xeito especial aqueles que puideran ser de especial interese para os técnicos municipais. Indicaron que a situación do punto de captación previsto, garante que o subministro de Ponte Caldelas non se vexa afectado, xa que a nova captación que se prevé sitúase augas abaixo da toma de Ponte Caldelas.

Desde Augas de Galicia tamén se aclararon as dúbidas do concello sobre a actuación e se garantiu, respecto á tramitación ambiental das obras, que se cumprirá a lexislación.

O director recordou que esta alternativa foi definida nas reunións dos días 24 e 27 de novembro celebradas en Vigo, ás que non asistiu o Concello de Ponte Caldelas, e nas que se seleccionou a proposta final, e que esta información tamén se adiantou por correo electrónico.

Por último, Roberto Rodríguez ofreceu a colaboración do persoal técnico de Augas de Galicia para atender calquera aspecto ou dúbida que lle puidera xurdir ao concello de Ponte Caldelas en torno as citadas obras. Esta actuación considérase por parte de Augas de Galicia unha ferramenta máis coa que poder afrontar situacións de carestía de recursos hídricos como as que rexistradas nestes últimos meses. A súa execución, polo tanto, non responde só a problemática actual senón que pretende ofrecer solucións a máis longo prazo.