Avances na enfermidade por rotavirus no Hospital Clínico de Santiago: “Rotavolution”, o alcance do rotavirus máis aló da infección gastrointestinal

En Utrech presentáronse os últimos resultados dos traballos de investigación que desde o Hospital Clínico Universitario de Santiago están a levarse a cabo en relación á vacinación fronte a rotavirus
Publicado por o día 30/03/2017 na sección de Galicia,Sanidad,Santiago,Vigo,Xunta de Galicia

Avances na enfermidade por rotavirus no Hospital Clínico de Santiago: “Rotavolution”, o alcance do rotavirus máis aló da infección gastrointestinal
Os principais investigadores do mundo no campo da vacinación fronte a rotavirus reunidos no 5º European Expert Rotavirus Vaccine Meeting, (Utrecht, 22-23 marzo) asistiron á conferencia  inaugural de Federico Martinón Torres, xefe do servizo de pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago e responsable do grupo de investigación Xenética, Vacinas, Infeccións e Pediatría Genvip do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (idis), quen defendeu o concepto de “Rotavolution”: ou como o rotavirus ten un alcance máis aló da infección gastrointestinal.
En Utrech presentáronse os últimos resultados dos traballos de investigación que desde o Hospital Clínico Universitario de Santiago están a levarse a cabo en relación á vacinación fronte a rotavirus. Así, o doutor Jose Gómez Rial, inmunólogo do centro hospitalario e membro do grupo, presentou as conclusións do estudo dos mecanismos celulares que confiren protección mediante a vacinación con rotavirus, así como a identificación dunha pegada de sinais inmunolóxicas no paciente infectado que se correlaciona coa gravidade da enfermidade.
En liña con estes achados atópase tamén o estudo recentemente publicado polo grupo de investigación onde o xenetista e profesor da USC Antonio Salgas Ellacuriaga, identifica unha serie de xenes crave relacionados coa infección por rotavirus. Segundo indica Salas, “analizamos a expresión xenética de máis de 20.000 xenes en pacientes infectados por rotarivus, e os datos arroxan resultados esperanzadores en relación á pegada transcriptómica que xorde tras a infección. Por exemplo,  detéctase unha forte hiper-activación de determinados xenes así como a inhibición doutros, suxerindo novos mecanismos moleculares que o hóspede emprega para protexerse dunha infección por rotavirus”.
“Hai xa tempo que baixo o concepto Rotavolution estamos a traballar co obxectivo de poñer en valor que a infección intestinal do rotavirus é só a punta do iceberg, xa que este virus pode ser responsable doutras manifestacións sistémicas, non só de tipo gastrointestinal”, explica o doutor Martinón.

Infección por rotavirus

As infeccións por rotavirus son a causa máis frecuente de gastroenterite en lactantes e nenos pequenos ao tratarse dun virus moi contaxioso e resistente. O simple contacto con outros nenos e/ou coidadores contaxiados por esta enfermidade, ou con obxectos que estiveron en contacto con persoas infectadas, aumenta o risco.  Ao tratarse dunha infección sistémica pode ir máis aló do cadro vírico gastrointestinal, e desencadear outras manifestacións agudas, fundamentalmente de tipo neurológico.  “O noso grupo xa demostrou que a vacinación fronte a rotavirus pode diminuír moi significativamente a taxa de ingresos por convulsións”, afirma Federico Martinón. “Agora outros países como Australia, atoparon resultados similares ao nosos, o que é moi alentador –subliña- non só iso, senón que a nosa hipótese sobre o papel invasivo do rotavirus viuse reforzada por numerosos traballos e expertos doutros grupos”.

“Estimamos que un neno vacinado fronte a rotavirus ten un 20% menos de risco de padecer calquera tipo de convulsión”, pero suxeriamos tamén que “o rotavirus pode ser a infección que pon en marcha a enfermidade celíaca en nenos xeneticamente susceptibles e que, sería importante comprobar o efecto da vacina sobre esta patoloxía tan prevalente”. E así o fixo o grupo do prof. Timo Vesikari da Universidade de Tampere, que mostrou que a vacina podería conferir tamén protección fronte á enfermidade celíaca, ou polo menos atrasar significativamente a idade de presentación.
Desde a Organización Mundial da Saúde (OMS) recoméndase previr o rotavirus debido á gran carga sanitaria global atribuída a esta infección. En España, o rotavirus é responsable de máis de 240.000 infeccións e máis de 7.500 hospitalizacións. Esta vacina forma parte do calendario vacinal da maioría dos países europeos.
Segundo apunta Martinón “os nosos datos mostran que os beneficios reais da vacinación fronte ao rotavirus son maiores aínda que os teóricos”. “As autoridades teñen demostrado unha especial sensibilidade coas vacinas en xeral, polo que confiamos que teñan en consideración os datos que estamos a achegar desde España e que están a ser utilizados polas autoridades sanitarias doutros países na toma de decisión”. A vacina de rotavirus ocupa un inxusto segundo plano por razóns máis perceptivas -de enfermidade pouco importante- que obxectivas. Italia foi o máis recente país en subirse ao carro e empezar coa vacinación universal fronte a rotavirus”.
Antonio Salgas indica que “actualmente temos varias liñas de investigación abertas en relación ás vacinas contra o rotarivus. Así por exemplo, estamos a analizar novos datos de expresión de xenes que pretenden arroxar luz sobre que xenes se acenden e cales se apagan cando se administran vacinas contra o rotavirus, así como as diferenzas existentes entre o patrón de expresión provocado pola vacinas fronte ao patrón xerado por unha infección natural por rotavirus”.
Acerca de GENVIP
O grupo de investigación traslacional de Xenética, Vacinas, Infeccións e Pediatría (GENVIP) nace no ano 2008 co desafío de avanzar no coñecemento das causas e bases xenéticas das infeccións pediátricas, facilitando o desenvolvemento de novas abordaxes diagnósticos e terapéuticos, vacinas e estratexias personalizadas de prevención.
Á cabeza de GENVIP atópanse Federico Martinón Torres, xefe do Servizo de Pediatría do Hospital Clínico de Santiago e pediatra con gran experiencia clínica e científica no campo das enfermidades infecciosas e a investigación traslacional, que xunto con Antonio Salas Ellacuriaga, profesor da Facultade de Medicina e xenetista de recoñecido prestixio internacional, achegan ao grupo un factor impacto acumulado superior a 1000 (JCR 2014). GENVIP conta con equipo novo e multidisciplinar integrado por pediatras, xenetistas, inmunólogos, bioinformáticos, matemáticos, farmacéuticos, e persoal de enfermería de investigación, que se integra funcionalmente no Servizo de Pediatría do Hospital Clínico de Santiago.