Avanza a precariedade, diminúe o poder adquisitivo e increméntanse as desigualdades en Galiza

Aséntase a figura do/a traballador/a pobre como consecuencia da reforma laboral de 2012
Por o 11/01/2018 | Sección: CIG,Economia,Sindicatos
Avanza a precariedade, diminúe o poder adquisitivo e increméntanse as desigualdades en Galiza

O Estudo sobre ingresos salariais de 2016, elaborado polo Gabinete de Economía da CIG, constata o avance de precariedade laboral, o incremento das desigualdades entre persoas asalariadas e a importante perda de poder adquisitivo da poboación.

O informe realizouse a partir de datos oficiais tirados do Estudo “Mercado de trabajo y pensiones en las fuentes tributarias” publicado pola Axencia Tributaria, que toma como base a Declaración anual que están na obriga de presentar todas as entidades que pagan salarios, pensións ou prestacións por desemprego, incluídas as administracións públicas.

Segundo explica Natividade López Gromaz, responsábel do gabinete de Economía da CIG, estes datos comparáronse cos de 2009 “para ver non só a foto fixa do último ano, senón tamén como evolucionaron os salarios neste período”.

Unha persoa do colectivo de máis ingresos equivale a 91 do colectivo de menores ingresos

Analizando as persoas asalariadas en función dos seus ingresos constátase que o único colectivo de asalariados/as que medrou foi o daqueles que percibiron menos da metade do Salario Mínimo Interprofesional. Ao mesmo tempo confírmase que este colectivo viu reducidos os seus ingresos respecto ao ano 2009. De feito, apenas superan os 1.800 euros brutos ao ano, cando no ano 2009 obtiñan uns ingresos de 1.900 euros brutos anuais.

Pola contra, se ben o colectivo de maiores ingresos -isto é, daqueles que ingresan máis de 10 veces o SMI- se reduciu, o seu salario incrementouse nun 30%, superando os 170.000 euros brutos anuais. Atendendo a estes datos, Galiza é, despois da comunidade de Madrid, onde este colectivo ten os ingresos máis elevados do Estado.

“Hai unha polarización, polo tanto, entre as persoas asalariadas en Galiza moi elevada que se incrementou desde o ano 2009. Daquela un asalariado/a deste grupo de maiores ingresos equivalía a 66 dos de menores ingresos. No ano 2016 a equivalencia é de 1 a 91”, afirma López Gromaz.

Xunto a esta polarización increméntase a precariedade e de feito en 2016 o 30% da poboación non acadou o salario mínimo cando en 2009 era menos do 26%. Os factores que explican este incremento das desigualdades (os únicos que permite desagregar o informe da Axencia Tributaria) son: idade, sexo e a rama de actividade na que a persoa asalariada presta os seus servizos.

Os ingresos da mocidade non alcanzan o Salario Mínimo Interporfesional

A idade é determinante e é ademais onde mellor se poden comprobar os efectos da reforma laboral de 2012, que contribuíu a esta precarización do mercado de traballo. Entre os menores de 18, os seus ingresos, non só non chegan aos 2.500 euros brutos anuais, senón que ademais diminuíron desde 2009 un 43%.

O mesmo ocorre no grupo de idade de entre 18 e 26 anos, onde os ingresos, que apenas superan os 6.300 euros anuais, tampouco se achegan ao SMI e ademais se reduciron nun 24% desde 2009. “Todo este colectivo de menores de 26 anos incorporouse ao mercado de traballo xa nas novas condicións que a reforma de 2012 permitía”.

Mantense a fenda salarial

O sexo tamén determina ter uns salarios ou outros. A brecha salarial persiste e mantense en arredor do 23%. Porén “se ben é certo que se reduciu desde o ano 2009, isto debeuse á saída do mercado de traballo de homes cunhas condicións salariais aceptábeis, fundamentalmente da Construción e da Industria o que fixo que baixara a media masculina, non a que as mulleres melloraran as súas condicións”, explica López Gromaz.

De feito, a responsábel do gabinete de Economía subliña que xa no último ano, na medida en que aumentaron lixeiramente os ingresos tanto de homes como de mulleres, xa vemos como volve ser superior o incremento entre os homes, manténdose, xa que logo, a fenda existente.

Medra o número de traballadores/as nos sectores con salarios máis baixos

A rama de actividade tamén marca diferenzas e traballar nunha ou noutra pode supor gañar máis do triple. As de maiores ingresos son as entidades financeiras e o sector enerxético. Aquí reduciuse o salario medio con respecto ao ano 2009 e reduciuse tamén o número de traballadores/as.

Pola contra, nas ramas de actividade de menores ingresos, que son outros servizos e ocio e lecer, é onde máis aumentou o número de traballadores/as. “Hai 23.000 traballadores/as máis que no ano 2009 e, porén, é onde máis se reduciron os ingresos medios”.

A conclusión é, polo tanto, que onde aumenta a ocupación é naquelas actividades de menores salarios co cal a precarización se está instalando e xeneralizando no mercado de traballo.

Traballador/a pobre

Diante destes datos, o secretario confederal de Servizos e Afiliación, Renato Núñez, denunciou o asentamento e consolidación no noso mercado laboral da figura do traballador/a pobre. Unha persoa que malia estar traballando ten uns ingresos que non lle permiten cubrir nin as súas necesidades, nin as da súa familia. “Isto contradí o establecido no artigo 35 da Constitución Española que tanto defenden, que se utiliza para outras cousas, pero para garantir os dereitos das traballadoras e traballadores non”.

Núñez subliñou ademais que nesta categoría está fundamentalmente a xente moza. “Son quen máis sofren a aplicación da reforma laboral de 2012 e as posteriores” asegurou e lamentou que nestas condicións en Galiza non se dean as condicións para posibilitar a súa emancipación, o que acaba abocando á mocidade á emigración.

Por iso asegurou que as reformas laborais, o único que conseguiron foi precarizar as condicións  laborais das traballadoras e traballadores, asentar a figura do traballador/a pobre e que até os 26 anos non cheguemos sequera a cobrar un salario que se achegue ao SMI.

Incremento do SMI

En todo caso, o secretario confederal de Servizos e Afiliación asegurou que tampouco o SMI é suficiente para garantir unha vida digna. Denunciou que o propio Consello de Europa xa lle chamou a atención ao Estado español por incumprir a Carta Social Europea, que establece que o SMI ten que ser do 60% do salario medio, o que obrigaría a situalo en Galiza nos 857 euros.

Por iso asegurou que “non vale agardar a que se dean as idílicas condicións que CCOO, UGT, a patronal e o goberno do Estado español asinaron para que haxa unha suba do SMI en 2019 e 2020. O SMI de 857 € tería que ser xa o básico”.

Rubens Rocha

Nado en Vigo hai 35 anos. Nacionalista Galego, Fotoxornalista, activista defensor dos dereitos humanos e ambientais. Buscando que se recoñeza e respecte os patrimonios da cidade de Vigo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.