Avanzada a primeira fase das obras de mellora integral da estrada Puxeiros-Peinador

Os traballos estarán finalizados no mes de xaneiro
Publicado por o día 30/10/2018 na sección de Galicia,Mos

Avanzada a primeira fase das obras de mellora integral da estrada Puxeiros-Peinador

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro mosense de Vías e Obras, Luis Alonso, o deputado responsable de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva; xunto con representantes da empresa construtora adxudicataria, visitaron esta mañá a obra de mellora integral da estrada provincial EP-2603 Puxeiros-Peinador.

Representantes municipais e provinciais constataron que a primeira fase dos traballos de optimización marcha a bo ritmo e anunciaron que o remate das obras está previsto para o mes de xaneiro do vindeiro ano 2019.

A actuación consiste na rehabilitación integral do firme da estrada, na instalación de sistemas de barreiras de seguridade para motociclistas, elementos de redución da velocidade de tráfico e nova iluminación; así como na renovación do abastecemento de auga e a drenaxe. As obras, subvencionadas pola administración provincial, teñen un orzamento de 632.857,31 euros, dos que o Concello de Mos financia o 14% (correspondente ós labores de acometida do abastecemento). Os traballos nesta estrada provincial supoñerán unha importante mellora na seguridade viaria para todos os usuarios da vía, tanto peonís como motorizados.

A estrada Puxeiros-Peinador rexistra unha alta intensidade de tráfico, sobre todo de vehículos pesados e ten gran capacidade vertebradora dentro do municipio, debido a que conecta o núcleo urbano de Puxeiros co aeroporto, o IFEVI e a zona industrial do Rebullón. O tráfico que soporta é moi elevado debido ao importante número de naves de almacenamento e loxística que utilizan esta vía de acceso. Existían problemas que reducían a seguridade da vía, tales como o mal estado xeral dos pavimentos, a insuficiente iluminación, falta de elementos de contención adaptados a motoristas en curvas perigosas (barreiras de seguridade), sistemas puntuais da drenaxe mal resoltos, beirarrúas con danos puntuais e mal estado da sinalización horizontal e vertical e do abastecemento, con constantes roturas que provocaban danos estruturais ao firme. Problemas que con esta obra quedarán subsanados.

As actuacións nas que se centra o proxecto son rehabilitación superficial do firme, mellora da sinalización e dos sistemas de contención, mellora da seguridade viaria mediante a colocación de reductores de velocidade; e actuacións complementarias.

O proxecto de mellora da seguridade viario na EP-2603, Puxeiros-Peinador, ten un prazo de execución de catro meses. A estrada EP-2603 que une Puxeiros con Peinador pertence á rede de estradas da Deputación de Pontevedra, e discorre dentro do municipio de Mos. O ámbito de actuación do presente proxecto comprende a práctica totalidade da estrada, cunha lonxitude aproximada de 2.759 metros.