Avanzan as melloras do Gafos que xa ten as tres novas pontellas e a pasarela en Tomeza e no Mar da presa

Mañá comeza a retirada das escaleiras que unen Ponte Boleira co paseo, ao carón da ponte da avenida de Vigo.
Publicado por o día 11/03/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

Avanzan as melloras do Gafos que xa ten as tres novas pontellas e a pasarela en Tomeza e no Mar da presa

As obras de mellora do paseo do Gafos, tanto no seu tramo urbano como rural desenvólvense a bo ritmo. Xa están postas as pontellas e as pasarelas na zona de Tomeza e trabállase na parcela que dá á fachada de María Victoria Moreno. O luns comezan a desmontar as escaleiras que unen a praza de Ponte Boleira co paseo, nun lateral da ponte da avenida de Vigo.

A Concellaría de Medio Ambiente Ntural xa adiantou que o tempo pode influír no desenvolvemento desta intervención. Non é posible traballar nestes espazos de terra se as precipitacións son moi intensas.

A colocación das tres pontellas e dunha pasarela -todas de madeira- no tramo rural do Gafos, está practicamente rematada. Son elementos que tiveron que substituírse porque estaban deteriorados polo paso do tempo. Foron dúas pontellas no tramo de Tomeza e unha terceira no Mar da presa, onde tamén se está a colocar unha nova pasarela. O custe de substitución destes elementos de madeira é de 6.000 euros.

Nova parcela no paseo urbano

A incorporación dunha nova parcela no tramo urbano do Gafos con fachada a María Victoria Moreno, tamén vai sobre os prazos previstos, aínda que esta semana a empresa non puido traballar polo mal tempo. A parcela ten unha superficie de 380 m2 e foi rozada fai unhas semanas para retirar toda a maleza e tamén as árbores que se atopaban en mal estado ou perigosas.

Nestes días retirouse o peche de bloques que tapiaba a súa vista cara María Victoria Moreno e fixeron labores de silvicultura.

A proposta de mellora paisaxística desta parcela é a creación de dous noiros para salvar a altura ao respecto da rúa, e plantar freixos, sabugueiros, arbustivas e plantas con flor. Nos laterais colocarase hedra para tapizar. No centro da parcela, instalarase unha gran escaleira central con pranchas de granito e bancos.

O investimento desta actuación é de 47.000 euros.

Escaleiras de Ponte Boleira

A terceira das intervencións de mellora máis destacadas proxectadas no tramo urbano do Gafos é a substitución das escaleiras de Ponte Boleira, ao carón da ponte da avenida de Vigo. Mañá mesmo comezarase coa retirada deste elemento. O orzamento da nova peza é de 17.000 euros.

Con estas actuacións o Concello quere recuperar espazos públicos, mellorar todo o parque con actuacións intensivas e permitir que os veciños ocupen as zonas verdes nas mellores condicións e gocen delas.