Avanzan a bo ritmo as obras de mellora do contorno da Casa do Concello

Os traballos atópanse en fase de montaxe dos muros prefabricados
Publicado por o día 28/06/2017 na sección de Galicia,Mos

Avanzan a bo ritmo as obras de mellora do contorno da Casa do Concello

As obras de execución do proxecto de mellora que permitirá a integración da zona do aparcadoiro e do cemiterio municipal de Petelos na área da Casa Consistorial, e que comezaron a mediados do pasado mes de maio, avanzan a bo ritmo e atópanse nestes intres en proceso de montaxe dos muros prefabricados.

Os traballos acometidos ata o de agora consistiron no movemento de terras que estivo en todo momento supervisado e controlado por dous arqueólogos, xa que o contorno no que se está a actuar está protexido por Patrimonio.

Agora estanse a montar as planchas dos muros prefabricados, pezas de gran tamaño que teñen que ser manipuladas por unha grúa de grandes dimensións. Tras este proceso de montaxe, a semana que ven procederase ao formigonado das zapatas para poder comezar xa a realizar o recheo da parte traseira dos muros, seguida dos labores de pavimentación.

De todo isto informaron esta mañá a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Vías e Obras, Luis Alonso; quenes avanzaron que a obra atoparase rematada nun prazo de mes e medio aproximadamente.

A actuación enmárcase dentro do convenio de colaboración firmado entre a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e a rexedora municipal, Nidia Arévalo, dentro do Plan Hurbe e polo que a Xunta investirá máis de 385.000 euros.

Segundo o convenio rubricado, a actuación responde ao programa de humanización de rúas e urbanización e mellora de espazos públicos. Deste xeito, con esta obra se mellorará a calidade de vida dos máis de 15.000 veciños e veciñas do municipio sendo o obxectivo final o de integrar estes espazos na contorna, apostando pola humanización que rodea a Casa Consistorial.

No que se refire ao aparcadoiro, executarase unha área superficial como continuación da Praza do Concello na que se atopa a Igrexa de San Mamede de Petelos e prolongarase o pavimento e plantarase céspede, dando unidade ao conxunto e permitindo usos puntuais diversos cando sexa necesario (festas patronais, manifestacións relixiosas, etc.).

Tamén se delimitará o acceso rodado e peonil ao cemiterio de Petelos, achegando comodidade aos veciños ao mesmo tempo que se mellora o aspecto visual do contorno.

Trátase da terceira actuación que se executa neste concello a cargo do Plan Hurbe, pois en 2010 levouse a cabo o acondicionamento e pavimentación da contorna da igrexa de Santa Eulalia, cun investimento de preto de 95.000 euros; e en 2015 executouse a reposición dun muro de contención en A Rans, na parroquia de Tameiga, cun investimento de 45.000 euros. Así, o investimento desatinado ata a data en Mos a través deste programa achégase aos 525.000 euros.

Mediante esta actuación lograrase o acondicionamento do aparcadoiro e accesos ao cemiterio no barrio de Reguengo, parroquia de Petelos, co fin  de valorizar a área da contorna do cemiterio para integrala e interaccionala coas edificacións que a confinan (Casa do Concello, Igrexa de San Mamede e Cemiterio), de xeito que finalmente apareza como unha actuación unitaria, que consiga fiar mediante un único cordón umbilical, que é o aparcadoiro actual e a praza ou atrio da igrexa, as edificacións e os espazos que arredor del se articulan.

O programa da actuación contempla a reorganización de todo o entorno, dotando e  cualificando os usos, ordenando o aparcadoiro e os accesos ao cemiterio. En primeiro lugar tense en consideración a topografía do terreo, que tomándoa como aliada, permítenos graduala conseguindo, segundo explicaron hoxe Alonso e Arévalo, os obxectivos de “reducir o impacto visual do talud, permitir o acceso exterior graduado ás diferentes plataformas e niveis do cemiterio, acceso rodado e peonil cómodo á parte superior do cemiterio, manter acceso á casa reitoral e parte superior en ruínas e contención e saneamento da cota alta do monte”.

As obras consistirán fundamentalmente na renovación do pavimento ao redor, garantir o acceso ao cemiterio a persoas con discapacidades, e integrar a actuación no conxunto edificatorio Igrexa-Casa do Concello, co fin de que o espazo dispoñible hoxe en día creza e poda desprazar o seu epicentro de xeito que se arrede o máximo posible da agresión sufrida anos atrás coa construción da autovía, xeradora de ruídos e fumes, en suma, provocadora da ausencia de confort nos edificios e espazos exteriores de relación.

Este proxecto leva redactado dende o ano 2009 e ata o de agora non lograra financiación. A rexedora local asegura que se trata dunha obra que dá resposta a unha serie de demandas veciñais dos habitantes desta zona da parroquia de Petelos. Sobre isto a rexedora local explicaba que “co pavimentado da área destinada a aparcadoiro xa se mellorou moito o contorno do Concello pero era necesario continuar a optimización desta zona e, ademais, unha esixencia do Bispado incluída no convenio de cesión da antiga Casa Reitoral para habilitala como Centro de Día”. En dito convenio especifícase o deber por parte da administración local de asumir o mantemento da zona, así como preservar a contención de terras do talud existente.

No proxecto inclúense entre outras melloras a creación de áreas verdes e a acometida do firme. Ademais o deseño baséase nunha fórmula mediante a que quedan completamente integradas as zonas superior (onde se atopa o Centro de Día) e a inferior (onde se sitúan o Concello, o cemiterio e a Igrexa de Petelos) creándose un todo harmónico que representa o contorno da Casa Consistorial mosense e que se trata dunha zona moi transitada por ser unha importante área de concentración de servizos municipais.

A parte máis ambiciosa desta actuación céntrase nos accesos ao cemiterio. Para iso proponse recolocar o acceso á casa parroquial, mellorando a circulación no aparcadoiro e permitindo mediante o novo viario acceder tanto en vehículo como peonilmente aos niveis superiores do cemiterio.