Ao longo de 130 páxinas a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo achega na súa última publicación, Na universidade avanza co galego. Guía para mellorar a redacción do TFG e do TFM, as claves a prol da mellora da calidade lingüística no galego académico para a redacción de traballos fin de grao e fin de mestrado (TFG e TFM). “Desde o respecto á elección lingüística de cada estudante, o libro ten como obxectivo preferente a promoción e o fomento do uso do idioma galego na redacción e na defensa oral dos TFG e TFM e está especificamente pensado para o alumnado que cursa o derradeiro ano do seu grao ou que está a realizar o mestrado”, explica Fernando Ramallo, director da Área, sobre a publicación elaborada polas técnicas superiores María Cristina Rodríguez Ricart e Eva María Castro Figueiras.
Na universidade avanza co galego articúlase en varios apartados: observacións lingüísticas; solucións a erros recorrentes; claves para mellorar os traballos; criterios lingüísticos adoptados pola Universidade de Vigo; recursos e ferramentas informáticas; material didáctico elaborado da Área de Normalización Lingüística e anexos que resolven, a través de listaxes de termos, cuestións relacionadas coas abreviaturas, acento diacrítico, estranxeirismos, siglas, a táboa periódica dos elementos e termos abstractos e xenéricos e colectivos referidos á linguaxe inclusiva. Para Ramallo a redacción dos TFG e TFM constitúe unha sorte de síntese dos saberes cos que o estudantado interactuou durante a súa formación universitaria e “o correcto uso da lingua galega, incluído o emprego dunha linguaxe inclusiva é inherente á calidade científica, técnica ou artística do traballo presentado”.
Exemplos reais extraídos de traballos do alumnado
Salvo algunha excepción, e coa intención de que sexa unha guía eminentemente práctica, a publicación inclúe numerosos exemplos que proceden dunha exhaustiva revisión de TFG e TFM presentados nos últimos anos ás axudas que a UVigo outorga á elaboración destes traballos en galego. “A revisión dunha elevada cantidade deles permitiunos extraer numerosos exemplos do que se debe e, nomeadamente, do que que non se debe facer na escritura académica en galego”, sinala Ramallo, que agradece ao alumando a súa participación en diversas convocatorias de axudas a traballos académicos redactados en galego, coma aos premios á calidade lingüística organizados desde a Área.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.