A Axencia Galega de Infraestruturas reforza as súas competencias coa execución de obras sanitarias e educativas

Di que a Xunta prevé a encomenda de máis de 20 actuacións estratéxicas nesta lexislatura, cuxo volume de obra, contando co xa encomendado, podería superar os 130 millóns de euros
Publicado por o día 07/04/2017 na sección de Vigo,Xunta de Galicia

A Axencia Galega de Infraestruturas reforza as súas competencias coa execución de obras sanitarias e educativas

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou no dia de onte xoves que a Axencia Galega de Infraestruturas reforzará as súas competencias coa execución de obras sanitarias e educativas, ademais das viarias. Deste xeito, os departamentos que xestionan os servizos públicos poderán dedicar todos os seus esforzos a melloralos.

Para que isto sexa posible, Feijóo precisou que o Consello da Xunta aprobou a nova estrutura orgánica da Axencia Galega de Infraestruturas, co obxectivo de consolidar este organismo como centro de execución das principais obras públicas da Administración autonómica.

Dótase así a Axencia da estrutura necesaria para a construción de, ademais das infraestruturas viarias, os equipamentos sanitarios ou educativos, entre outros. Neste senso, lembrou que este incremento de responsabilidades xa se iniciou na pasada lexislatura coas primeiras encomendas por parte da Consellería de Sanidade, que foi solicitando a súa colaboración ou directamente encomendando a licitación e execución de obras, como por exemplo: a ampliación do Hospital Público da Mariña, executándose a día de hoxe; os accesos ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, xa finalizados; a construción de centros de saúde como o de Ares, cuxos traballos comezaron esta semana; ou o de Gondomar, coas actuacións xa licitadas.

Cómpre salientar que para o reforzo da estrutura da Axencia Galega de Infraestruturas créanse dous novos servizos: o de contratación, para darlle resposta ao incremento da carga de traballo derivada da asunción de novas funcións en materia de edificación e axilizar a tramitación de expedientes contractuais; e o Servizo de obra de edificación, que terá o obxectivo de levar a cabo o seguimento e control da execución das obras de edificación encomendadas á Axencia Galega de Infraestruturas.

Unha vez convertida a AXI no órgano especializado na execución de obras máis alá das propias de estradas, o responsable do Goberno galego subliñou que a Xunta prevé a encomenda de máis de 20 actuacións estratéxicas nesta lexislatura, cuxo volume de obra, contando co xa encomendado, podería superar os 130 millóns de euros.

Así, ademais de continuar mellorando a rede autonómica de estradas, na que se enmarcan actuacións como a autovía do Morrazo ou o Plan de sendas, así como de levar a cabo importantes actuacións en materia de mobilidade, como as estacións intermodais das cidades galegas, a Axencia incorporará a xestión de centros de saúde, a ampliacións de hospitais, centros sociais e educativos.

Por tanto, será cada departamento o que decidirá onde se sitúa cada hospital, cada centro de saúde, cada colexio e cada instituto; pero será a Axencia de Infraestruturas a que se encargue de que as obras se entreguen en prazo e se integren de forma adecuada no seu territorio.