A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos e Adrovi promoven a doazón na cidade de Vigo co gallo da celebración do Día Mundial do Ril

Por o 09/03/2016 | Sección: Salud,Vigo
A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos e Adrovi promoven a doazón na cidade de Vigo co gallo da celebración do Día Mundial do Ril
Compartir en:

Ambas entidades traballan conxuntamente para incentivar a doazon dende o ano 2009

 O Centro de Transfusión de Galicia (CTG), que forma parte da actual Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, e a Asociación de Doadores e Receptores de Órganos de Vigo (Adrovi), en colaboración coa Irmandade de Doadores de Sangue de Vigo e o Colexio Vivas, realizarán na xornada do xoves 10 de marzo, unha campaña especial de fomento da doazón de órganos e de sangue, co gallo da celebración do Día Mundial do Ril.

Esta campaña especial tenta mellorar a información dos cidadáns sobre os distintos tipos de doazón (sangue, órganos, cordón umbilical ou medula ósea), vitais para moitos doentes, evidenciando a importancia deste xesto solidario no noso sistema sanitario. Lembrar que no pasado ano 2015, os hospitais do Sergas realizaron 338 trasplantes de órganos, dos cales 168 foron de ril, grazas á solidariedade das persoas que doaron os seus órganos e dos cidadáns que efectuaron as doazóns de sangue precisas para desenvolver estas intervencións cirúrxicas.

Co obxectivo de promover as doazóns e mellorar a sensibilización da cidadanía, Adrovi instalará unha mesa informativa ao carón da unidade móbil de doazón mañá, xoves 10 de marzo. Lembrar que é posible a doazón de sangue das 09.30 ás 14.30 horas e das 15.30 ás 21.00 horas nesa unidade.

Liña de colaboración

A asociación Adrovi e o CTG-Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos colaboran dende o ano 2009 no desenvolvemento de iniciativas conxuntas ,tentando fomentar a creación dunha conciencia solidaria proclive á doazón no ámbito da bisbarra viguesa.

Neste punto, lembrar que Vigo é a cidade galega con maior número de doazóns: máis de 14.600 doazóns de sangue anuais, cifra que supón unha taxa de 47 doazóns por 1.000 habitantes e ano, índice que supera en 7 puntos a media galega.

Tanto Adrovi como a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, recalcan a importancia de impulsar iniciativas conxuntas que conciencien á sociedade da necesidade de aumentar as actuais taxas de doazón e convidan a todos os veciños e veciñas de Vigo a participar activamente ao longo da xornada do xoves 10 nesta campaña e amosar, nunha nova oportunidade, o seu carácter xeneroso e solidario.