A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística incorpora dous novos vehículos para realizar labores de inspección

Dispoñer dun parque móbil en bo estado de funcionamento é fundamental para garantir o desenvolvemento do labor de inspección urbanística atribuído á Axencia
Publicado por o día 21/01/2018 na sección de Medio Ambiente

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística incorpora dous novos vehículos para realizar labores de inspección

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) vén de adquirir dous todoterreo 4×4 que se destinarán a realizar labores de inspección nos servizos provincias de Ourense e Pontevedra. Estes coches substituirán a outros dous que tiñan máis de 15 anos de antigüidade.

Esta adquisición forma parte do plan da APLU para renovar a súa flota de vehículos, composta na actualidade por 10 coches que, na súa maioría, presentan problemas de conservación debido principalmente á súa data de fabricación. Logo da adquisición destes dous todoterreos a intención da axencia é comprar un terceiro destinado ao servizo provincial de A Coruña co obxectivo de completar a renovación do 30% da súa flota.

Dispoñer de vehículos en perfecto estado de funcionamento é fundamental para que a Axencia poida desenvolver as funcións que ten legalmente encomendadas para inspección, restauración da legalidade e sanción en materia urbanística.

Cómpre lembrar que son os subinspectores dos Servizos Provinciais da APLU os que efectúan in situ as inspeccións urbanísticas, tendo que desprazarse en vehículos por todos os concellos da provincia. A súa actividade, que se plasma despois nas actas de inspeccións, constitúe o punto de partida de todo o traballo desta Axencia e de aí a importancia de dotalos dos medios materiais axeitados.