Axentes medioambientais realizaron desde abril máis de mil actuacións no marco do servizo de voluntariado no rural

O programa púxose en marcha no marco das medidas impulsadas polo COVID-19 para facer un seguimento e garantir o acceso a servizos básicos da poboación maior ou con algunha discapacidade
Publicado por o día 12/05/2020 na sección de Medio Ambiente,Xunta de Galicia

Axentes medioambientais realizaron desde abril máis de mil actuacións no marco do servizo de voluntariado no rural

Os axentes medioambientais que participan no servizo de voluntariado en zonas rurais impulsado pola Xunta en resposta ao COVID-19 realizaron un total de 1.098 actuacións de seguimento do confinamento e de atención personalizada a veciños desde a súa posta en marcha, o pasado 2 de abril. Esta foi unha das principais conclusións da videoconferencia que mantiveron esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e os representantes sindicais do colectivo para facer balance do funcionamento do programa nas cinco últimas semanas.

Concretamente, un total de 64 axentes dependentes da Consellería –18 na provincia de A Coruña, 14 na de Lugo, 18 en Ourense e 14 en Pontevedra- participan como voluntarios nesta iniciativa, orientada ás zonas rurais e máis illadas da comunidade co fin de garantir durante o estado de alarma a cobertura das necesidades básicas de persoas maiores ou con algún tipo de discapacidade.

De feito, a responsable de Medio Ambiente lembrou que o programa foi aprobado polo Consello da Xunta no marco das medidas impulsadas para facer fronte á crise do Covid-19 e se leva a cabo desde o principio en coordinación e contacto directo cos servizos sociais dos concellos e cos propios alcaldes, que son os que coñecen de primeira man as necesidades que poden ter os colectivos máis sensibles ou que viven sos nos seus respectivos municipios.

Todo este esforzo traduciuse no período comprendido entre o 2 de abril e o 10 de maio en máis de 2.000 visitas a concellos por parte dos axentes medioambientais, cunha media de 54 ao día e xornadas nas que mesmo se chegou a intervir en máis de 80 concellos diferentes.

Segundo os datos achegados pola conselleira, tamén se rexistrou unha media diaria de 24 axentes prestando este servizo de voluntariado, con xornadas nas que foron preto de 40 os efectivos que estiveron operativos. En total, sumáronse neste período 7.429 horas de traballo.

No marco das súas funcións de seguimento durante o confinamento, Vázquez Mejuto tamén subliñou que nas últimas semanas interceptaron a un total de 879 persoas que se estaban saltando as restricións.
A maiores, e no exercicio das súas competencias de vixilancia, presentaron un total de 22 denuncias. Por último, no eido da atención social en zonas rurais, contactaron con 219 persoas e atenderon presencialmente a 57.

Tarefas máis frecuentes

Entre as tarefas que están a asumir os axentes medioambientais participantes nesta iniciativa de voluntariado figuran a vixilancia e o contacto visual e telefónico coas persoas maiores ou con discapacidade que viven soas en zonas rurais pouco poboadas ou de difícil acceso. Trátase, en definitiva, de manter un seguimento de carácter social daqueles colectivos máis vulnerables e que viven illados, co fin de atender as posibles necesidades que xurdan ou detectar cambios no seu estado de saúde, tanto física como mental.

Así, os axentes acoden no seu vehículo oficial ás vivendas das persoas que precisen deste tipo de axuda ou contactan con eles vía telefónica. Deste xeito, preténdese ofrecer confianza e tranquilidade ás persoas illadas, coñecer de primeira man como se atopan e sobre todo, reportar información fiable e de interese para os servizos sociais municipais sobre o estado dos seus veciños.

Así mesmo, os efectivos adheridos ao programa tamén levan a cabo actuacións de vixilancia nos camiños rurais e en espazos naturais, fundamentalmente incluídos en Rede Natura, para facer cumprir as medidas de confinamento decretadas polo estado de alarma.

En todo caso, a prestación destes traballos voluntarios queda supeditada sempre á realización de calquera dos servizos esenciais propios das funcións que ten atribuídas en exclusiva o colectivo dos axentes medioambientais.

Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda dispón de 146 axentes medioambientais repartidos por diferentes distritos e zonas, cos que se abrangue a totalidade do rural galego polo que se considerou que podían realizar un labor de apoio social importante nestas zonas.

A resposta do persoal ao novo programa de voluntariado, como subliñou a conselleira, foi moi boa desde o primeiro momento, aínda que lembrou que en atención á seguridade e á saúde dos traballadores, decidiuse excluír do mesmo a colectivos considerados vulnerable fronte ao coronavirus como os axentes maiores de 60 anos, os diagnosticados de hipertensión arterial, diabetes, enfermidades cardiovasculares ou pulmonares crónicas ou cancro, entre outros.

Comentar noticia

Your email address will not be published.