Baiona, un campus residencial para a Universidade de Vigo a partir do vindeiro curso

‘Baiona: Campus Residencial ‘pretende acadar en cinco anos 750 estudantes
Publicado por o día 12/03/2019 na sección de Baiona,Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Baiona, un campus residencial para a Universidade de Vigo a partir do vindeiro curso

A Universidade de Vigo “expandirá” as súas fronteiras cara o Val Miñor a partir do vindeiro curso 2019-2020. O que comezou hai máis dun ano como un proxecto impulsado pola Asociación de Comerciantes y Empresarios Baionesa (Aceba) e que conta coa colaboración do concello de Baiona, será unha realidade o próximo curso, no que a vila se converterá nun campus residencial, que ofertará diferentes servizos á comunidade universitaria. “O primeiro, máis inmediato e urxente é o transporte directo desde Baiona ao campus de Vigo en 25 minutos, algo que a día de hoxe non existe. Ademais ofertaranse pisos de alugueiro e hoteis que funcionarán como residencias durante o período escolar”, explica Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, que tamén avanza que os membros da comunidade universitaria terán acceso a outros servizos de Baiona como a biblioteca, instalacións deportivas, ademais da oferta de ocio e gastronómica

Nunha rolda de prensa celebrada este mediodía en Baiona, o presidente e vicepresidente de Aceba, Marcos Comesaña e Pedro Villamarín; o alcalde de Baiona, Ángel Rodal; o impulsor do proxecto, Carlos Quintás; a vicerreitora Natalia Caparrini; así como representantes da empresa de autobuses ATSA e de Campus Spain, presentaron os detalles do proxecto Baiona: Campus Residencial Universitario, así como a súa páxina web. “Con este proxecto preténdese desestacionalizar a economía local na época de inverno, entre setembro e xuño, convertendo a vila nun lugar para estudantes que cursan estudos superiores en Vigo”, explica Quintás, que avanza que a previsión é poñer en marcha o proxecto en setembro deste ano con 150 mozas e mozos e acadar, en cinco anos, os 750 estudantes.

Unha boa alternativa para o alumnado estranxeiro, docentes e persoal investigador

Se os empresarios da asociación ven neste proxecto unha oportunidade para impulsar a economía da vila nos meses de inverno, a Universidade, pola súa banda, considera que esta iniciativa permitirá ampliar a oferta de servizos da institución á comunidade universitaria residente en Baiona “para quen o beneficio principal é o transporte, pero para o alumnado de fóra de Vigo e de Galicia trátase de ofrecer unha alternativa a ter en conta á hora de decidirse a fixar a súa residencia”, sinala Caparrini, que lembra que aproximadamente o 65% do estudantado do campus de Vigo ten a súa residencia familiar nun municipio diferente ao vigués.  Neste sentido e máis alo dos beneficios que este proxecto ten para o alumnado galego, a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria tamén apunta ao estudantado estranxeiro, que superou os 700 este curso 2018-2019, como público obxectivo desta iniciativa, “así como docentes e persoal investigador, que veña facer estancias”, explica Caparrini.

Pola súa banda, Carlos Quintás pon o acento na vantaxe que para o transporte implica esta iniciativa “xa que tardará 26 minutos por autopista, en lugar dos 45 minutos aproximados que hai desde Vigo. Será un servizo discrecional de ida e volta adaptado aos horarios das clases e ademais a propia tarxeta de transporte servirá para que o alumnado se beneficie dos descontos en comercios, restauración e empresas asociadas a Aceba”. En canto aos aloxamento os responsables da Asociación de Comerciantes y Empresarios Baionesa avanzan que xa contan con pisos de alugueiro residencial, así como hoteis, dispostos a destinar o seu aloxamento ás e aos universitarios a modo de pensión estudantil.

Sobre a posibilidade de estender esta iniciativa a outros concellos da contorna, Caparrini avanza que o proxecto a día de hoxe céntrase en Baiona “xa que estendelo ou compartilo con outros concellos aumentaría considerablemente o tempo en chegar ao campus e polo tanto deixaría de ter ese aliciente. Non obstante, replicar o modelo noutros concellos é totalmente posible”, avanza a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria.

Comentar noticia

Your email address will not be published.