O Ballet de Víctor Ullate no Teatro Afundación Vigo

O espectáculo, titulado Pastoral. Tierra madre, terá lugar o sábado 4 de febreiro.
Publicado por o día 14/01/2017 na sección de Cultura,Eventos,Vigo

O Ballet de Víctor Ullate no Teatro Afundación Vigo

Xa están á venda as entradas para Pastoral. Tierra madre, a nova proposta do Ballet de Víctor Ullate, que terá lugar o próximo 4 de febreiro no Teatro Afundación Vigo ás 20.30 h. As entradas pódense adquirir a través das canles habituais da entidade, en Ataquilla.com ou ben no teléfono 901 504 500.

Pastoral, de L. V. Beethoven, é unha peza moi especial para Víctor Ullate, creada como homenaxe á súa amiga Ángela del Moral, da que foi compañeiro na Compañía de Antonio. Trátase dunha obra composta por tres actos ben diferenciados: o primeiro reflicte a infancia e o espertar á vida; o segundo, os anos de mocidade e a experiencia do amor; e o terceiro representa a sabedoría acadada grazas á idade e ao paso do tempo. Nesta última parte, a potencia da danza terá o seu impacto no alén.

O propio Víctor Ullate comentaba sobre a peza que «a música de Beethoven sempre me inspirou, gústame a súa forza, a súa enerxía, a súa sensibilidade; con Pastoral, que simboliza a natureza, quixen render homenaxe a Ángela del Moral, compañeira no Ballet de Antonio e amiga da alma a través da que descubrín o amor».

Víctor Ullate fundou en 1988 a compañía que leva o seu nome e que acaba de cumprir vinte e oito anos de traxectoria. En 1997, incorporouse á denominación Comunidade de Madrid. Víctor Ullate é o director e conta desde 2001 con Eduardo Lao como director artístico, e o talento e o esforzo de ambos son clave para a permanencia e o éxito. Desde o momento da súa creación, o Ballet Víctor Ullate converteuse na primeira compañía privada española de nivel internacional, en canteira de bailaríns e nunha referencia para a danza en España. Ao longo destes anos, o rigor e a esixencia sustentaron a selección e formación de bailaríns, a elección e creación de coreografías, a creatividade e o nivel dos espectáculos. Por iso a calidade da compañía se mantivo constante.