Balseiro afirma que a Xunta impulsa o asociacionismo do comercio local para “que siga sendo motor económico e social das nosas vilas”

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, participou hoxe en sendos actos organizados por A Mariña Federación e Acisa Ribadeo
Publicado por o día 17/03/2017 na sección de Economía,Emprego,Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

Balseiro afirma que a Xunta impulsa o asociacionismo do comercio local para “que siga sendo motor económico e social das nosas vilas”

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, destacou hoxe que a Xunta impulsa o asociacionismo para potenciar o comercio de proximidade co fin de que este “siga sendo motor económico e social das nosas vilas e cidades”.

O delegado afirmou que o comercio local ten un evidente peso económico, sendo un dos principais xeradores de emprego, e tamén é centro neurálxico da vida social, e apelou como proba á fortaleza e dinamismo que exhiben colectivos como A Mariña Federación e Acisa Ribadeo.

Balseiro participou hoxe en sendos actos organizados por estes colectivos. A Mariña Federación celebrou en Viveiro unha xuntanza en torno ao lema “Catro anos de andadura, e todo un futuro por diante”; pola súa banda, a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (Acisa) de Ribadeo celebrou a sexta edición da súa cea de gala e entregou premios a dous dos seus asociados.

A Xunta -explicou Balseiro- fomenta o asociacionismo “co establecemento de axudas directas aos centros comerciais abertos e prazas de abastos para que desenvolvan accións de dinamización e fidelización de clientes”, así como coa organización de diversas campañas para incentivar a demanda no comercio local a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, que depende da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

“A unión é clave para competir con outras fórmulas comerciais”, sinalou o delegado, e na mesma liña engadiu que Acisa Ribadeo e A Mariña Federación son “puntais fundamentais para revitalizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade nesta comarca”.

O delegado territorial fixo referencia tamén ao Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia que ten en marcha a Consellería de Economía e ao que que destinará 70 millóns de euros ata 2020.

Este plan inclúe 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: Afianzar un sector comercial renovado, impulsar o comercio electrónico, e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua. “A calidade, do produto e do servizo, é o elemento diferenciador do comercio de proximidade”, concluíu Balseiro.