Balseiro anima a solicitar as axudas do Leader xestionadas polos Grupos de Desenvolvemento Rural

O GDR Ribeira Sacra concedeu subvencións a 103 proxectos por importe de máis de 3,7 millóns de euros dende o ano 2009
Por o 22/03/2017 | Sección: Economía,Empresas,Galicia,Vigo,Xunta de Galicia
Balseiro anima a solicitar as axudas do Leader xestionadas polos Grupos de Desenvolvemento Rural
Compartir en:

O delegado territorial da Xunta na provincia de Lugo, José Manuel Balseiro, lembrou hoxe que as persoas ou entidades interesadas nas axudas do Leader xestionadas polos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), que dependen da Consellería do Medio Rural, teñen de prazo ata o día 31 de marzo para presentar as súas solicitudes.

O dirixente territorial explicou que calquera persoa física ou xurídica que promova un proxecto no ámbito de actuación dun Grupo de Desenvolvemento Rural pode solicitar unha subvención. Os promotores non precisan formar parte dos GDR para ser beneficiarios destas axudas.

Balseiro apuntou tamén que o Plan Leader 2014-2020 suporá unha inxección para o agro lucense de 25 millóns de euros, e destacou a vocación territorial deste programa, que potencia os recursos endóxenos e ten un enfoque “ascendente, integral e multisectorial”, de xeito que os proxectos xorden da iniciativa privada e son os axentes sociais participantes nos propios GDR os encargados de deseñar as estratexias en cada zona.

Visita á adega

O delegado territorial fixo estas valoracións tras visitar as instalacións da adega Lar de Ricobao, en Quiroga, que coñeceu da man dun dos socios, Julio Quiroga; este foi un dos proxectos impulsados polo GDR Ribeira Sacra ao abeiro do Plan Leader.

Na visita participaron tamén o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, o presidente do GDR e alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, e o xestor do GDR Martín Alemparte.

O GDR Ribeira Sacra concedeu axudas a 103 proxectos por importe de máis de 3,7 millóns de euros dende o ano 2009, contribuíndo á implantación de empresas en todos os concellos representados nesta entidade: Bóveda, Monforte de Lemos, Pantón, Quiroga, A Pobra do Brollón, Ribas de Sil, O Saviñao e Sober.

Dos 103 proxectos aprobados, 51 correspondéronse con proxectos produtivos (empresariais) e 52 con proxectos non produtivos, como a posta en marcha do Circuíto Leader Ribeira Sacra de Carreiras Populares promovido polo propio GDR.

Non obstante, no que respecta ao volume de investimento, o GDR priorizou os proxectos produtivos, aos que destinou o 76,17 % dos fondos, para apoiar todas as iniciativas empresariais pola súa incidencia inmediata sobre o mantemento e creación de postos de traballo.

Un destes proxectos foi o da adega Lar de Ricobao, presentado por cinco socios que decidiron emprender esta nova empresa para aproveitar o potencial vinícola de Quiroga, que é un dos concellos con máis superficie dedicada a viñedos dentro da denominación de orixe Ribeira Sacra.

A base da filosofía dos proxectos Leader é o de apoiar, entre outros, aqueles proxectos que valoricen os recursos endóxenos do territorio, teñan carácter innovador ou poidan servir de efectos demostrativo.

Así, entre as iniciativas que obtiveron axuda contabilízanse proxectos de viticultura e enoturismo, e tamén a creación ou innovación tecnolóxica en empresas de transformación alimentaria dedicadas á carne, aceite, leite ou mel, entre outros.