O Banco de Alimentos recibe en Vigo uns 30.000 quilos de comida na súa primeira Operación Quilo do ano

A ONG agradece o labor desempeñado polos 125 voluntarios desprazados aos distintos supermercados que facilitaron as distintas doazóns, así como a implicación das superficies comerciais por permitir esta primeira Operación Quilo de 2017
Por o 04/04/2017 | Sección: Alimentación,Social,Vigo
O Banco de Alimentos recibe en Vigo uns 30.000 quilos de comida na súa primeira Operación Quilo do ano

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo recibe uns 30.000 quilos de comida non perecedoira durante a súa primeira Operación Quilo levada a cabo este fin de semana, segundo o cómputo realizado este luns no almacén de San Pedro de Sárdoma.

En Alcampo de Coia contabilizáronse uns 6.000 quilos de alimentos, mentres que en Carrefour do Centro Comercial Gran Vía recibíronse outros 6.000 quilos e en Carrefour do Centro Comercial de Travesía, 6.000 quilos máis. A estes 18.000 quilos de comida doados pola cidadanía hai que sumar a maiores os 12.000 quilos de alimentos que serán achegados directamente pola Fundación Solidariedade Carrefour, dentro da súa campaña estatal pola que dobrarán a cantidade dos produtos recolleitos.

Desde a ONG quérese agradecer publicamente o labor desempeñado polos 125 voluntarios desprazados aos distintos supermercados que facilitaron as distintas doazóns, así como a implicación das superficies comerciais por permitir desenvolver con éxito esta primeira Operación Quilo de 2017.

En canto á acción solidaria, esta levouse a cabo cando se cumpren 4 meses da Gran Recollida Solidaria celebrada a finais de novembro. Grazas aos 30.000 quilos de comida recollidos este fin de semana, a entidade recuperou en gran medida o stock de produtos de primeira necesidade que demandan as 25.000 persoas ás que axuda na provincia.

Uns 18.000 quilos recolleitos en Pontevedra, Poio e Lalín

Simultaneamente á Operación Quilo realizada en Vigo, tamén se recolleron alimentos en Carrefour do Centro Comercial A Barca en Poio e o de San Blas, en Pontevedra, así como no recentemente inaugurado Carrefour no Centro Comercial Deza de Lalín.

Nestas tres localidades a cidadanía doou uns 9.000 quilos de alimentos que, tras a achega de Carrefour, ascende aos 18.000 quilos de comida.

Operación Quilo tamén en Redondela E, no caso do supermercado Día de Redondela, os voluntarios do Banco de Alimentos recibiron uns 500 quilos de comida.

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo repartiu en 2016 máis de 2 millóns de quilos de comida (2.108.608 quilos), o que supón un 25 por cento máis que durante 2015, cando foron preto de 1,7 millóns de quilos os entregados aos colectivos sociais. A través destas entidades benéficas, a ONG chega a unhas 25.000 persoas con dificultades na provincia de Pontevedra.