A Banda dos Cueiros en Libros para Soñar

Publicado por o día 17/11/2017 na sección de Cultura,Galicia,Vigo

A Banda dos Cueiros en Libros para Soñar

Co lema “Música para todos”, LIBROS PARA SOÑAR recibirá mañá venres, a partir das 18:30 horas, aos integrantes do grupo A Banda dos Cueiros, que interpretarán unha escolma de cancións tradicionais para público infantil e de adaptacións musicais a partir de textos literarios, recollidas no seu primeiro libro-cd.

Esta banda de música infantil, que xurdiu das actividades do colectivo Espazo Lectura dirixidas a pre-lectores de 0 a 3 anos, foi ampliando o espectro de idade do seu repertorio e actualmente abrangue ata rapaces e rapazas ata uns 7 anos.

Gravado en Ancestral Estudios Musicais de Ponte Caldelas e mesturado no Estudio A Lagharteira de Arcade, o libro-disco “A Banda dos cueiros” foi ilustrado por David Rodríguez. Está estruturado en catro seccións temáticas: rutinas, afectos, animais e partes do corpo. Así, con cancións en galego, inglés, italiano, alemán e portugués, presentan un conxunto de melodías de composición propia, xunto con versións actuais de pezas clásicas, adaptacións musicais de contos e poemas.

En conxunto, trátase dunha proposta lúdica e didáctica para o desenvolvemento das nenas e dos nenos. Na súa elaboración participaron as voces de Sabela Salgueiro e Anxo Iglesias, xunto cos músicos Pablo rial, David Rodríguez, Félix Rodríguez e Xosé Manuel Moo.