Bandazos e desleixo do Goberno galego co ERE extintivo de Vulcano

Publicado por o día 17/09/2019 na sección de Galicia,Política,PSOE,Vigo

Bandazos e desleixo do Goberno galego co ERE extintivo de Vulcano

A parlamentaria socialista Patricia Vilán denunciou hoxe os “bandazos” e o “desleixo” demostrados polo goberno galego nos últimos 9 meses, diante da situación do estaleiro vigués Vulcano, abocado a un ERE extintivo para 69 traballadores. Vilán presentou unha pregunta oral en Comisión na que acusou á Xunta de “mirar para outro lado” e esixiu a súa implicación directa na busca dun posible inversor que salve a situación do estaleiro.

A responsable socialista acusou ao goberno galego de “tirar a toalla” na defensa dos traballadores do estaleiro, logo de confirmar hoxe que os traballos xa están extinguidos, que calquera posible inversor entrará en escena despois do proceso de extinción e que a partir de aí escollerá aos traballadores que eles decidan reincorporar.


Criticou a tibia resposta do goberno galego neste proceso, xa que dende xaneiro pasou de instar á empresa a rematar o ferry que tiña en carteira a amosarse proclive a “identificar calquera alternativa viable” e ao tempo arrefriar as expectativas advertindo primeiro que a solución “depende da empresa”. En xullo Alfonso Rueda anunciaba, dixo, que se “apartaban” do problema porque “fixemos a nosa parte” e agora a delegada da Xunta ábrese a “ofertas serias”.

Patricia Vilán esixiulle ao goberno galego que explique “que pensa con relación á situación actual de Vulcano, que vai facer para manter a actividade industrial e polo tanto os postos de traballo” e, sobre todo, reclamoulle á Xunta que expoña se ten “algunha noticia da existencia dun futuro inversor”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.