Bará logra o apoio do parlamento para reclamar que se compense ás persoas usuarias polos atascos e retrasos das obras na AP9

Tamén sacou adiante a petición dunha auditoría global do servizo que presta AUDASA e apertura de expediente sancionador á concesionaria
Por o 26/09/2018 | Sección: BNG,Política
Bará logra o apoio do parlamento para reclamar que se compense ás persoas usuarias polos atascos e retrasos das obras na AP9
Compartir en:

Á espera do debate da lei de transferencia da AP9, o BNG logrou o apoio do Parlamento para compensar ás persoas usuarias da autoestrada ante o pésimo servizo da concesionaria con tres medidas concretas: Auditoría global polas deficiencias do servizo, abrir expedientes de sanción á concesionaria e compensar aos usuarios e usuarias polos atascos e as obras inacabadas na Ponte de Rande.

A primeira das medidas aprobadas, realizar unha auditoría global das deficiencias do servizo que presta AUDASA inclúe tamén auditar as obras de ampliación de Rande, que en palabras do portavoz de Infraestruturas, Luís Bará, “están baixo sospeita, con dúbidas sobre o seu custo real e consideramos que houbo un pelotazo nestas obras que aínda non están rematadas”.

En segundo lugar, apertura de expedientes informativos e sancionadores á concesionaria polas reiteradas retencións que, “converten un atasco nun atraco xa que se cobra a mesma peaxe”, unha medida que nunca se adoptou “por parte da Xunta ao longo destes anos, nin sequera aprobaron un protocolo para estes casos”, criticou.

E, en terceiro lugar, aplicar formas de compensación aos usuarios e usuarias pola deficiente prestación do servizo tanto cando hai retencións como polo feito de ter que usar os novos carrís exteriores da Ponte de Rande que non compren os estándares das autoestradas.

No prosperou, sen embargo, a cuarta proposta que completaba a proposición non de lei do BNG, pola que se pedía revisar e anular as cláusulas abusivas claramente favorables á concesionaria recollidas nos convenios asinados entre o Goberno central e AUDASA en 2011 e 2013. Tamén foron aprobadas emendas de adicción do PP, PSOE e En Marea.

Durante o debate, Bará, reprochou ao PP “que sexa capaz de ver a palla no ollo alleo pero ignore a viga no propio”, para lembrar que foi o partido de Feixóo quen privatizou a AP9, quen vetou reiteradamente á transferencia, quen sempre votou en contra de compensar ás persoas usuarias polos atascos ou quen permitiu o servizo de “terceira” que presta a concesionaria.

Pero tamén interpelou ao PSOE para que confirme se, agora que está no Goberno do Estado, “vai seguir apoiando que sexa este quen se faga cargo do incremento das peaxes, como fixeron até agora en todos os debates sobre esta cuestión para que se aplique xa para Redondela Vigo ou se van esixir os 2.000 millóns de euros que os gobernos do PP deixaron de investir en Galiza”.

Destacou a presa do Goberno de Sánchez para aprobar investimentos en Valencia ou compensar débeda en Catalunya e pediu o mesmo trato para este país.

Comentar noticia

Your email address will not be published.