Barcelona Turisme colaborará co Centro Galego de Barcelona na promoción turística de Galicia

O consorcio ofrecerá aos seus visitantes información sobre a oficina de turismo da Xunta situada na entidade, así como credenciais para realizar o Camiño de Santiago proporcionados por esta.
Por o 14/08/2019 | Sección: Turismo
Barcelona Turisme colaborará co Centro Galego de Barcelona na promoción turística de Galicia
Compartir en:

Dentro da política de colaboración con institucións e entidades, e co obxectivo de ampliar a promoción turística de Galicia, o Centro Galego de Barcelona subscribiu un acordo con Barcelona Turisme polo que este consorcio colaborará coa entidade na citada promoción.

O Consorcio de Turisme de Barcelona, coñecido como Barcelona Turisme, foi creado en 1993 polo Concello, a Cámara de Comercio e a Fundación para a Promoción de Barcelona e conta con 7 puntos e 11 cabinas de información turística e cultural situados en lugares estratéxicos de toda a cidade.

Grazas a este acordo, o consorcio ofrecerá aos seus visitantes información sobre a localización e contido da oficina de turismo da Xunta situada no Centro Galego. Do mesmo xeito, o Punto de Información Turística do Centro dirixirá ás oficinas de Barcelona Turisme a todos aqueles dos seus visitantes que requiran información sobre a oferta turística e cultural da cidade.

Así mesmo, o acordo implica a posibilidade de que as persoas interesadas en realizar o Camiño de Santiago poidan adquirir nos puntos de información de Barcelona Turisme as correspondentes credenciais, que serán proporcionadas pola oficina de turismo do Centro Galego.

Comentar noticia

Your email address will not be published.