O Concello de Barro estreou nova rede de saneamento en Perdecanai, acondicionou o exterior da piscina municipal e mellorou o alumeado público nunha ducia de lugares cun investimento conxunto do Plan Concellos de máis de 110.000 euros. O deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor, quixo coñecer de primeira man as actuacións e visitou as obras acompañado polo alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández, e o concelleiro de Obras, Iván Bello.
Santos Héctor aproveitou a ocasión para felicitar ao Concello polas accións levadas a cabo xa que con elas actuouse en tres cuestións básicas para a cidadanía “o saneamento, a pavimentación e as novas tecnoloxías”. O deputado provincial recalcou tamén que con estas achegas do Plan Concellos realizáronse actuacións en doce lugares diferentes, unha boa parte do termo municipal. “Mellorar os servizos que os concellos ofrecen á súa veciñanza é un dos fins que persegue a Deputación dende 2015”. Neste senso destacou que o Plan Concellos presenta grandes fortalezas como beneficiar tanto ás zonas urbanas como ás parroquias máis pequenas, posto que todos os núcleos de poboación se ven favorecidos con estas achegas provinciais.
Pola súa banda, Xosé Manuel Fernández quixo resaltar o importante que é para os concellos coñecer a comezos de ano os recursos económicos dos que disporán para investimentos, contratación de persoal ou gastos correntes, como é o caso do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. No que respecta a estas dúas obras, o alcalde de Barro puxo en valor a mellora de calidade de vida da veciñanza así como o feito de dar servizo a un maior número de xente.
No lugar de Outeiro, pertencente á parroquia de Perdecanai, realizáronse actuacións de urbanización por valor de máis de 90.000 euros coas que se substituíu a rede de saneamento anterior, que presentaba deficiencias, por unha nova. Ademais, con esta partida tamén se realizou un acondicionamento parcial do exterior do recinto da piscina municipal, realizada con fondos da Deputación a través do Plan Reequilibrio e do Plan Concellos 2018, mediante paseos peonís de acceso á piscina.
Logo visitaron un tramo do proxecto de mellora do alumeado público exterior do concello, co que se dotou a varios emprazamentos dunha instalación de iluminación para conseguir unha mellora da seguridade tanto do tráfico de vehículos como peonil. Estas actuacións contaron cun orzamento de 22.000 euros dos que non só beneficiará á veciñanza de Barro senón que tamén facilitarán o Camiño aos peregrinos e peregrinas que transitan pola zona. Ademais, a nova iluminación é respectuosa co medio ambiente ao tratarse de tecnoloxía led, o cal supón tamén un aforro enerxético. Os viais públicos e as zonas que iluminaron neste termo municipal grazas a estas achegas son os lugares de Lardoeira, Perdecanai-Agriño, Faxil, Mané de Arriba, Güimil, Cangrallo, Cemiterio de Curro, Triaba-Centro, Portela-Piñeiro, Valvón-Peitoxo, Perdecanai-Igrexa, Valvón a Tanatorio, Tanatorio a Valvón e Estrada Provincial Perdecanai.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.