Barro pecha dous meses de piscina municipal con máis de 9.000 usuarios

Publicado por o día 16/09/2019 na sección de Galicia

Barro pecha dous meses de piscina municipal con máis de 9.000 usuarios

O pasado sábado rematou a temporada de piscina municipal en Barro, que foi inaugurada o 19 de xullo e tivo unha gran acollida tanto de veciñas e veciños de Barro como de outros residentes nos concellos da contorna.

Para o goberno municipal, que nestes case dous meses desfrutaran destas instalacións 9.195 usuarios vén confirmar que foi un acerto apostar por este equipamento que foi financiado pola Deputación de Pontevedra dentro do Plan de Reequilibrio e que xa fora prometido por anteriores gobernos municipais fai máis de 25 anos.

A piscina municipal converteuse nestes meses de verán, ademais de un lugar para gozar do baño, nun espazo de convivencia social onde era fácil ver xente de todas as idades e moitos grupos familiares que atoparon nestas instalacións un espazo de relación e esparexemento que era o obxectivo principal do goberno municipal.

Estes dous meses de funcionamento servíronlle ao Concello de Barro para comprobar aqueles aspectos a mellorar de cara ao futuro e para a elaboración dun regulamento de funcionamento que se aprobará a inicios do ano que vén, xa que o feito de inaugurar co verán xa comezado non permitiu poñelo en marcha este ano.

Para o Alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, que tantas persoas desfrutaran deste equipamento cun comportamento adecuado con respecto aos demais usuarios e ás propias instalacións representa unha gran satisfacción. E tamén destacou a valoración positiva que as persoas usuarias lle teñen feito chegar da calidade e fermosura deste novo espazo de desfrute público.