Beatriz Mato aposta por aproveitar o potencial investigador das universidades para progresar no coidado do medio ambiente e na ordenación racional do territorio

A conselleira de Medio Ambiente invita á Universidade da Coruña a sumarse ao reto de conseguir unha Galicia máis sustentable en todos os eidos
Publicado por o día 23/03/2017 na sección de A Coruña,Educación,Galicia,Medio Ambiente,Vigo,Xunta de Galicia

Beatriz Mato aposta por aproveitar o potencial investigador das universidades para progresar no coidado do medio ambiente e na ordenación racional do territorio

A Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, apostou esta mañá por aproveitar o potencial investigador das universidades para progresar no coidado do medio ambiente e na ordenación racional do territorio. Así llo trasladou ao reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, co que mantivo unha reunión para abordar posibles colaboracións entre ambas as institucións, sobre todo para traballar polo futuro de Galicia e convertila máis sustentable en todos os eidos, unha tarefa na que a opinión da Universidade é moi importante.

A conselleira destacou que xa son moitos os eidos e os retos nos que a Consellería de Medio Ambiente e a Universidade da Coruña colaboran activamente, pero indicou que existen outras materias nas que a Consellería ten posto o foco, como o cambio climático e por iso se ven traballando na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, polo que non se pode perder o valor e o traballo da fábrica de ideas e de todos os proxectos de investigación que a Universidade da Coruña está a levar a cabo.

Salientou que un destes novos escenarios que se abren é a posta en marcha do Observatorios dos Ríos, do que se está a redactar o borrador de decreto polo que se crea, e que terá unha composición multidisciplinar, con entidades da Administración, sociedade civil e institucións do ámbito académico, como é o caso da universidade coruñesa.

Asemade, Mato Otero tamén invitou ao reitor a participar na economía circular que xa está na axenda ambiental e económica da Unión Europea, polo que Galicia non debe quedarse atrás neste eido e debe apostar por iniciativas que impulsen este modelo, fronte ao lineal baseado en recoller, fabricar e tirar.

Indicou que se trata dun reto de transformación importante non só por ser un modelo con potencial para resolver os problemas ambientais, senón tamén porque representa un instrumento para crear novas oportunidades de negocio e emprego verde.

Por último, a conselleira expresou a súa satisfacción pola estreita colaboración que ambas institucións manteñen, en temas como a auga, as estratexias medio ambientais ou a ordenación urbanística.