Beatriz Mato destaca que a nova Lei de protección e benestar dos animais de compañía será unha das máis ambiciosas e completas de España

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, salientou a importancia do novo texto lexislativo na súa intervención no Parlamento de Galicia
Por o 06/06/2017 | Sección: Vigo,Xunta de Galicia
Beatriz Mato destaca que a nova Lei de protección e benestar dos animais de compañía será unha das máis ambiciosas e completas de España

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou esta mañá que a nova Lei de protección e benestar dos animais de compañía será unha das máis ambiciosas e completas de España. Así o puxo de manifesto esta mañá na súa intervención do Parlamento de Galicia, onde puxo en valor a importancia do novo texto lexislativo.

A conselleira de Medio Ambiente afirmou que se trata dun dos textos lexislativos máis avanzados e completos de España, polo ámbito no que lexisla e as obrigas que establece; e recordou que a lei está concibida para loitar contra o abandono e maltrato animal, no só como a violencia exercida sobre os animais, senón que tamén se teñen en conta as condicións hixiénicas e sanitarias nas que viven e as necesidades etolóxicas para o seu desenvolvemento.

Mato Otero avanzou que os avances máis inmediatos serán a posta en marcha dunha campaña de esterilización para minorar o número de animais abandonados, mediante o control reprodutivo das poboacións, e a creación dunha liña de axudas para o fomento de actuacións para á protección e benestar dos animais de compañía por parte de concellos e asociacións protectoras. Estes son os avances máis inmediatos que se levarán a cabo en relación con esta materia, xunto co inicio da elaboración do regulamento que desenvolverá a lei, no momento no que o Parlamento lle de o visto bo ao texto e que estará listo no prazo máximo dun ano.

Todas estas ferramentas buscan cumprir co triplo obxectivo que se fixa coa nova Lei de protección e benestar dos animais de compañía: a persecución do maltrato animal, en todas as vertentes nas que se presenta; a loita contra o abandono dos animais, promovendo a súa adopción; e o fomento da concienciación da sociedade galega polo benestar animal, favorecendo na nosa comunidade autónoma condutas responsables no respecto, defensa dos animais e a súa tenza responsable.

Mato Otero explicou que se trata dunha lei moi necesaria, non só porque a anterior fose redactada hai 20 anos, senón porque era necesario harmonizar o contido da normativa e actualizalo, polo que é o momento de establecer unha lei máis esixente desde o punto de vista sanitario, ambiental e sobre todo de benestar e respecto aos animais.

Indicou que unha proba da maior conciencia social da sociedade galega é o feito de que, nos últimos dez anos, o ritmo de altas de animais inscritos no Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (Regiac) duplicouse ao pasar das 19.790 rexistradas no 2006 ás 43.927 do ano pasado, chegando así aos máis de 400.000 animais rexistrados a día de hoxe.

Galicia, comunidade libre de abandono

A conselleira de Medio Ambiente indicou que unha das finalidades do actual Goberno é conseguir que Galicia sexa unha comunidade libre de abandono, polo cal na propia lei se establecen medidas e ferramentas para traballar a prol dese obxectivo.

Indicou que por primeira vez en Galicia establécese o concepto de “acollemento temporal” e a figura dos “fogares de acollida”, co obxectivo de facilitar a adopción de animais abandonados e mellorar o seu benestar e que estará condicionado á súa devolución cando apareza un adoptante definitivo.

A identificación por microchip e a inscrición no Regiac será obrigatoria para todos os animais de especie canina, e para todos os exemplares de especies potencialmente perigosas, para facilitar a súa recuperación e garantir o seu control sanitario, pero sobre todo para paliar o problema do abandono animal.