Begoña Rodríguez: “Medio Rural concede 9 de cada 10 convenios a concellos do PP”

Publicado por o día 20/06/2019 na sección de Política,PSOE

Begoña Rodríguez: “Medio Rural concede 9 de cada 10 convenios a concellos do PP”

A portavoz de Facenda e de Política Local do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, denunciou hoxe no Parlamento que a Consellería do Medio Rural reparte entre concellos gobernados polo PP 9 de cada 10 convenios de colaboración. Así o dixo no debate dunha pregunta oral en Comisión no que criticou o reparto “a dedo” das axudas daquel departamento da Xunta.

Rodríguez Rumbo sinalou a listaxe do reparto de convenios de colaboración correspondente ao III cuadrimestre de 2018, feita pública o pasado mes de marzo, que inclúe actuacións para mellora de camiños, asfaltado, adquisición de maquinaria agrícola, reparación de camiños, accesos, seguridade viaria, pavimentación ou abastecemento de augas.

En total foron 50 convenios e 2,5 millóns de euros, dos que 45 beneficiaron a concellos do PP, que recibiron 2,3 millóns de euros, e os outros 5 para os concellos gobernados por formacións políticas de distinta cor. Explicou que durante o pasado ano 2018 foron asinados un total de 119 convenios, dos que 89 recaeron en gobernos do PP, que recibiron 4 dos 5,2 millóns de euros dispoñibles.

A responsable socialista acusou ao PP de ter vetado tódalas iniciativas presentadas polos socialistas galegos para “aplicar a Lei de Transparencia” e garantir que os concellos galegos “coñezan con antelación os obxectivos das convocatorias de subvencións, achegas ou convenios da Consellería”, así como “a tipoloxía dos concellos que poden optar a estas axudas”.